«Follas Novas» lanza a figura de Rosalía no ámbito internacional

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

A fundación reúne nunha revista anual toda a actualidade sobre a poeta

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«A idea de editar esta revista vén inserida no proceso de modernización que vive a Fundación Rosalía; tivemos moitas renovacións na propia casa e no plenario», explica Anxo Angueira, o seu presidente. Refírese a Follas Novas, publicación anual da entidade que onte foi presentada nunha librería de Vigo e que busca relanzar internacionalmente a figura da escritora, en canto estará atenta a todas as investigacións que se veñen facendo en calquera parte do mundo.

O primeiro número, de 237 páxina, contén artigos e investigacións dos principais expertos en Rosalía. É o caso de Kathleen N. March, da Universidade de Maine (EE.UU.), Carme Fernández Pérez-Sanjulián, María López, Francisco Rodríguez ou Pilar García Negro, que enfronta a figura da escritora como narradora.

No consello de redacción, Victoria Álvarez, Xosé Carlos Beiró, Carmen Blanco, García Negro e Angueira. E no comité científico, Xosé Ramón Barreiro, Catherine Davies, María Xesús Lama, Méndez Ferrín, March, Francisco Rodríguez ou María do Cebreiro.

Alén do papel, é posible descargar en pdf os contidos na web follasnovas.rosalia.gal. O director da publicación é Xosé Luís Axeitos. «Para nós é un reto espellar todos os avances que se están a producir nos estudos rosalianos en todo o mundo», di Angueira. O número inaugural recibiu a axuda do Concello de Rianxo.

A revista contén artigos de fondo; textos e documentos inéditos ou pouco coñecidos; recensións de publicacións; bibliografía; un apartado no que se inclúen estudos de musicoloxía ou perspectivas de outras latitudes; e a sección Casa Rosalía. «Nesta explicamos o que se fai dentro da propia casa, e neste número fálase de como se fixo o arquivo histórico da fundación», lembra Angueira. Entre os inéditos, unha carta de Alfredo Vicenti a Murguía e outra deste último á propia Rosalía.