A musicóloga Dorothé Schubarth, premio de honra dos Martín Códax

Percorreu o país nos 70 para elaborar, coa axuda de Antón Santamarina, o fundacional «Cancioneiro popular galego», biblia do folclore


Redacción / La Voz

A cuarta edición dos premios Martín Códax, promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo, acordou outorgar o seu galardón honorífico á musicóloga suíza Dorothé Schubarth, en recoñecemento ao seu labor de recollida do cancioneiro tradicional galego. «As novidosas achegas metodolóxicas de Schubarth, a súa xenerosidade, a súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres, así como o insuficiente coñecemento do alcance do seu legado por parte da sociedade, convértena na indiscutible merecedora» deste premio, que recollerá na gala que se celebrará o vindeiro 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Autora de traballos sobre a música popular europea, Schubarth chegou a Galicia de vacacións hai case 40 anos. Alguén lle falara da riqueza do folclore do país, sen aforrarlle a pobreza na que se vivía. Movida pola vocación, comezou a buscar as escasas recompilacións. Ante esa insuficiencia, comezou un traballo de colleita (e rexistro sonoro) que se iría ampliando ata, seis anos máis tarde, dar na publicación do Cancioneiro popular galego, a máis importante recompilación do folclore musical, a biblia da música popular galega, que editou en sete volumes a Fundación Barrié, en 1984.

Schubarth desempeñaba desde 1971 a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna. Desde este posto desenvolvera unha intensa tarefa de investigación da música europea, nos Balcáns, no Cáucaso, en Alemaña e Francia. Publicou así en 1978 O canto popular en Europa. Nese ano, chegou a Galicia e comezou a súa colleita segundo entrou polo Cebreiro. Os seus coñecementos sobre a cultura musical e a lingua galegas eran mínimos, e buscou axuda no catedrático Antón Santamarina. Froito deste traballo, reuniu arredor de 5.000 letras. Todo o material, publicado e inédito, o cedeu ao Arquivo Sonoro de Galicia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

A musicóloga Dorothé Schubarth, premio de honra dos Martín Códax