A Real Academia avanza na procura do consenso para a nova presidencia

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

A directiva traballa na constitución dunha candidatura que recolla distintas sensibilidades no seo da entidade

10 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tocaba falar de Emilia Pardo Bazán, da tradución ao xaponés de Los pazos de Ulloa e do novo número da revista La Tribuna. A presentación tiña lugar o pasado martes na Real Academia Galega pero no acto coláronse as próximas eleccións na institución, ás que, sen citalas directamente, aludiu ata en tres ocasións Xesús Alonso Montero, o presidente da RAG. A primeira foi no momento de agradecer a asistencia ao acto, salientando que coa súa presenza os que alí estaban sabían valorar o papel da Academia, «que xa era importante hai máis de catro anos e vai seguir sendo aínda máis importante a partir do 20 de abril, cando eu deixe de ser presidente».

Pouco despois, Alonso Montero apuntou que o feito de deixar a presidencia permitiríalle ter máis tempo libre «para poder ler» textos como os da revista La Tribuna e confesaba que agora dispoñía de pouco tempo para a lectura. E finalmente apuntou o presidente da RAG a necesidade de que desde a Academia se siga defendendo a figura de Pardo Bazán, algo no que el colaborará xa que «estarei como académico de número que son a disposición do que sexa preciso».

De tódolos xeitos, agás estas alusións, os integrantes da actual comisión executiva da institución anunciaron que non se van pronunciar sobre o proceso de renovación da mesma. «O meu papel, o papel de calquera membro da comisión executiva, é manter un silencio estrito. Neste momento, os que gobernamos a Academia somos nós, mentres non se celebre ese plenario», argumentaba Alonso Montero, en declaracións nas que estaba acompañado polo secretario, Henrique Monteagudo.

Despois das declaracións de Xosé Luís Axeitos a Radio Galega criticando o funcionamento da entidade, varios académicos defenderon, tanto en público como en privado, a necesidade dun maior diálogo dentro da institución de cara a unhas eleccións que están pendentes de que se reúna o plenario da Academia para convocalas. 

Diálogo e sensibilidades

Un dos académicos que defende a necesidade de diálogo é Víctor Freixanes, que tamén podería ser candidato a substituír a Alonso Montero na presidencia da centenaria institución. O ex director de Galaxia resume a actual situación da Academia con unha afirmación: «Temos que falar entre nós».

Pola súa banda, Henrique Monteagudo, apostou por constituír «unha única candidatura que recolla as distintas sensibilidades que hai dentro do plenario», pero pediu esperar a que se celebre o plenario para barallar nomes e posibles aspirantes. En declaracións feitas en Nigrán a Europa Press, Monteagudo recoñecía que a directiva actual «está a traballar» para constituír unha candidatura de consenso, e aseguraba que os posibles candidatos mencionados ata entón respondían a unha «pura elucubración sen fundamento».

Outro dos académicos que desde o primeiro momento avogou polo diálogo é Manuel González, que nas últimas eleccións fora un dos dous candidatos á presidencia. Nesta ocasión dicía: «Dada a situación da Real Academia Galega penso persoalmente que o menos importante é o nome da persoa ou das persoas que poidan aspirar á presidencia da institución. O que cómpre, ao meu xuízo, é abrir un proceso de diálogo franco entre todos os membros do plenario que desemboque, de ser posible, nunha candidatura única, que evite confrontacións estériles, que estiñe as feridas aínda abertas e, sobre todo, que xere unha ilusión compartida ao redor das funcións que ten encomendadas a RAG». 

Ambiente de cordialidade

Para González, «se logramos avanzar neste sentido e se logramos retomar o ambiente de cordialidade, de confianza e de unión que, por riba das lexítimas discrepancias, reinou durante moitos anos na nosa institución, eu dareime por plenamente satisfeito».

E remataba dicindo o académico: «Só despois de concluído este proceso de diálogo necesario valorarei a conveniencia de presentar a miña candidatura ou non. Pero, en todo caso, a miña persoa non vai ser nunca un obstáculo para recuperar a unidade de acción, porque estou convencido de que, se ben as persoas son importantes, as ideas, os proxectos e a capacidade de levalos á práctica son o que realmente transcende».

As eleccións poderían ser o vindeiro 22 de abril

Desde a convocatoria das eleccións, prevista para mediados de este mes de marzo, a Real Academia Galega ten un prazo que vai de un a tres meses para celebrar os comicios. Pero, tal e como recoñeceron desde a actual comisión executiva, o tempo será o menor posible, xa que teñen o problema da celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio e o acto central da xornada ten que organizalo a Academia. Ademais, os actuais xestores da institución saben ben do que están falando, xa que eles foron elixidos o día 20 de abril do 2013 e tamén tiveron apenas tres semanas para preparar os actos do Día das Letras Galegas.

Henrique Monteagudo apuntaba que o plenario para convocar as eleccións tería lugar «a mediados de marzo».

Con todo isto, todo apunta a que o calendario máis probable sería a celebración do plenario no que se convoquen as eleccións o próximo día 18 de marzo e a celebracións das eleccións un mes despois, o día 22 de abril, que tamén é sábado. Con isto, a nova comisión executiva tería tamén pouco máis de tres semanas para preparar os actos dedicados a Carlos Casares.