Franco Grande pon os seus versos na boca das mulleres

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

O autor, co presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, e o editor José Luis Teófilo, onte en Vigo.
O autor, co presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, e o editor José Luis Teófilo, onte en Vigo. Oscar Vazquez

O escritor tomiñés presentou onte en Vigo un novo poemario, titulado «Libro das abandonadas»

08 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Creo que dende a época medieval non se volveu a poñer a voz da muller na súa boca na poesía; é ela a que fala, está escrita por un home pero os seus poemas están postos na boca das mulleres», explica Xosé Luís Franco Grande para referirse ao seu novo poemario Libro das abandonadas (Teófilo Edicións), un traballo no que as mulleres son as únicas protagonistas.

Xusto un ano despois da publicación do seu anterior libro de poesía, Xoguetes do tempo, o autor tomiñés dedícalle a súa nova achega a tres tipos de mulleres abandonadas. «Unha é moi típica de Galicia; son as que Rosalía chamou viúvas de vivos. Eran aquelas mulleres que quedan á fronte da familia cando o seu home emigra; é un drama moi coñecido en Galicia», comezou sinalando. «Outras son as mulleres abandonadas polo seu amante, un tema que foi moi tratado por poetas como Rilke ou en casos típicos como o da monxa portuguesa Mariana Alcofarado», engadiu. «As outras abandonadas que trato no libro son as que nacen en orfandade, aquelas nenas das que se descoñece a súa orixe», concluíu. A cada un destas tipoloxías está dedicada nunha parte do libro.

Xosé Luís Franco Grande, que contou onte en Vigo na presentación do seu libro coa presenza de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, explicou que para o desenvolvemento deste traballo tivo motivacións reais pero tamén literarias. «Esta cuestión impresionoume moito dende neno porque tiven problemas deses na familia; ademais porque, aínda que foron temas xa tratados pola literatura, non se lles deu toda a amplitude que eu lle dou ao dedicarlle todo un libro», explicou o autor.