Xosé Carlos Caneiro: «Escribo novelas femininas e feministas, ese é o meu universo»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

O verinense presenta o próximo luns, na Casa de Galicia en Madrid, a súa novela «Todas las vidas de Madame Bovary»

06 mar 2017 . Actualizado a las 17:56 h.

O pasado 14 de febreiro comezou a distribuírse a nova novela en castelán de Xosé Carlos Caneiro. Todas las vidas de Madame Bovary é unha versión -o verinense apostou pola reescritura- da súa obra A vida nova de Madame Bovary (Galaxia, 2008). Da man da editorial Doña Tecla, o autor enfronta unha nova etapa na que xa está a traballar en proxectos que chegarán ás librarías nos vindeiros anos. A presentación do libro será o próximo luns, día 13, na Casa da Galicia en Madrid e Caneiro estará acompañado pola editora, Gema Lendoiro, e polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. 

-¿Por que se decantou pola reescritura da obra orixinal?

-Cando a editei en galego quedoume a sensación de que podía ser mellor do que era. E sempre tiven esa teima, ata que un día me puxen a reescribila. A novela pecaba de excesos e tentei limalos, non todos porque a miña prosa é barroca e o meu universo literario ten unhas características moi específicas.

-Hermelinda, a protagonista, deixa ao seu marido farta de enganos para refuxiarse na casa de hóspedes Gatopardo. Desexa ser Emma Bovary e gozar da vida. De novo unha muller volve ser a peza clave da súa obra.

-Esta é unha novela de muller. Escribo novelas femininas e feministas; iso creo. Igual que, por simplificar, Pérez-Reverte escribe novelas masculinas e machistas.

-¿Por que se decantou por ese espazo literario?

-Os personaxes femininos son os antiheroes da actualidade. Sempre escribín novelas con antiheroes, persoas que viven un pouco á marxe das modas e dos trunfos. E os personaxes femininos penso que son moito más acaídos ao meu mundo sentimental. Enténdome mellor coas mulleres que cos homes, crieime entre mulleres, vivo con tres... Creo que a miña prosa, nese senso, responde á sensibilidade feminina. Sensibilidade que agora mesmo é a que define e comprende mellor o mundo. Ao menos iso é o que eu creo.

-¿Por que Flaubert e Madame Bovary?

-Madame Bovary é un dos grandes personaxes da literatura universal, é o feminismo cando o feminisno aínda non se tiña inventado. As mulleres da miña novela, case todas, son a reencarnación do mito flaubertiano, claro que a Flaubert é probábel que non o editasen nestes tempos. Nin a el, nin a Joyce, nin a Cortázar, nin a Proust, nin a Faulkner... Venceunos a estupidez. Prefiren a novela negra, as tramas, e a linguaxe denotativa. Confunden a facilidade coa felicidade. Manteño, dígoo sempre, que é a morte da literatura.

-Setecentas páxinas onde a maior parte dos personaxes inscríbense na lexión dos perdedores.

-Si, aínda que agora mesmo a novelística de perdedores xa está resesa. Igual que o guerracivilismo ou a confrontación maniquea entre os bos e os malos. En todo caso iso é secundario.

-¿En que sentido?

-Os argumentos e as historias sempre me pareceron algo secundario. O que pretendo é crear un universo determinado, cunhas normas literarias polas que me rixo. Toda a miña obra é un exercicio de estilo. É máis, os escritores ou somos estilo ou non somos nada. Hai guionistas estupendos para contar historias. Eu son un artista, un novelista. As historias xa as conto nos artigos.

«Traballo na reescritura de ‘Un último destino’ e na miña biografía de Borges»

Enfronta Xosé Carlos Caneiro a súa nova etapa editorial con optimismo e ilusión. E con novos proxectos xa en carteira para o futuro próximo.

-¿Por que apostou por Doña Tecla Editorial?

-Cando me propuxeron desenvolver algunha iniciativa conxunta aceptei porque me gustou o seu traballo. De feito Todas las vidas de Madame Bovary é, como libro, un obxecto precioso. Estou moi contento coa edición, que para min é un verdadeiro luxo tal e como quedou.

-Vostede xa tiña experiencia no mercado en castelán.

-Mais non estaba contento coas editoriais. Publiquei dúas novelas, con dous selos diferentes, con escasa fortuna, e estaba bastante desgustado. Agora creo que estou nun proxecto con futuro e moi interesante.

-¿Ten máis propostas en carteira? ¿Serán traducións de títulos en galego ou obra nova?

-Non estou por traducir senón por volver a escribir, é o que agora mesmo máis me estimula: reescribir os meus libros. Gustaríame facelo con Un último destino e perfeccionar a miña biografía de Borges. Un último destino foi a última novela que editei en galego e quero facelo, a un ano vista, en castelán. Levará por título El alma de las cosas e estamos reescribíndoa. No caso da biografía de Borges -editouse en Espasa Calpe no 2003- é un libro especialmente querido para min. 

-Falando de autores. A editorial vencellao á liña narrativa de Proust, Faulkner e mesmo Zola.

-Coa prosa de Zola non me sinto identificado. Gusto da de Flaubert, Faulkner ou Joyce, igual que a de Torrente ou Cela.

-¿Que previsións teñen de cara ás presentacións?

-O 13 temos o acto de Madrid e están previstas, sen data por agora, en Barcelona e A Coruña. E polo medio estaremos na Feira do Libro de Madrid.