A Academia Galega do Audiovisual escolle a «Serramoura» como a mellor serie de televisión

CULTURA

Monti Castiñeiras, un dos protagonistas desta producción de Voz Audiovisual, recibiu o Mestre Mateo a mellor interpretación de reparto

05 mar 2017 . Actualizado a las 08:43 h.

Serramoura, a producción de Voz Audiovisual e TVG, foi escollida como a mellor serie de televisión na entrega dos premios Mestre Mateo que acaba de facer a Academia Galega do Audiovisual (AGA). Ademais, un dos seus protagonistas, o actor Monti Castiñeiras, recibiu o premio á mellor interpretación masculina de reparto, nunha gala que tivo lugar no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña, Palexco, e que foi presentada por Iolanda Muiños.

María y los demás foi a producción que máis galardóns obtivo, cinco, entre eles o de mellor longametraxe e a súa protagonista, Bárbara Lennie, acadou o premio á mellor interpretación feminina. Con catro galardóns rematou a gala a serie Dalia, a modista, entre eles o de mellor interpretación feminina de reparto para Covadonga Berdiñas. Tamén no apartado actoral foi galardoado Luis Tosar, como o mellor actor protagonista polo seu papel na película Cen anos de perdón. O premio ao mellor director foi para Oliver Laxe por Mimosas e como mellor documental foi elixido Esquece Monelos, que tamén recibiu os premios a dirección de fotografía e montaxe.

O premio de honra Fernando Rey foi para a directora de arte Marta Villar, que chamou a atención sobre a desigualdade xeográfica do audiovisual galego: «Galicia tradicionalmente foi un gran estudio de cinema, de norte a sur e de leste a oeste, tanto para nós como para as producións de fóra. A crise está a relegar este estudio a escasos kilómetros ao redor dunha cidade, 40 minutos de desprazamento desde a oficina de produción, pois dificilmente pódense asumir outros custos na situación actual». Rematou cun «moitas grazas, moito traballo e moita igualdade».

De traballo tamén falou o presidente da AGA, Carlos Ares, chamando a atención do feito de que cerca do 60% dos actores e actrices galegos non poden vivir da súa profesión: «Cómpre tentar mellorar esta situación, cómpre traballar para evitar a precariedade. E isto non é algo que debamos descargar só nas Administracións. É unha situación que debemos tentar reverter entre todos e todas: Administración, profesionais e empresas. Esta Academia quere ser un interlocutor para ese diálogo». Ares tamén dixo que a Academia “ten un firme compromiso coa igualdade, como non pode ser doutro xeito. Porque é de xustiza», e rematou dicindo que desde o colectivo non piden privilexios: «Só pedimos ter dereito ás mesmas prestacións por baixa laboral, enfermidade, maternidade, paternidade, desemprego ou xubilación que o resto de traballadoras e traballadores do país».