Montero: «Se a RAG tivese que contestar ao que se di non faría outra cousa»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Cabalar | EFE

Ata a convocatoria das eleccións, a mediados de mes, «ningún membro da executiva vai facer declaracións»

02 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Parece que na sociedade galega hai interese en saber quen poida ser o próximo presidente e, polo tanto, a próxima comisión executiva, e tamén cal vai ser o matiz do discurso académico a partir do 20 de abril, por dar unha data». Isto dicía onte o presidente da Real Academia Galega (RAG) ao ser preguntado pola súa valoración das declaracións do académico Xosé Luís Axeitos nas que criticaba o funcionamento da institución baixo o seu goberno.

Unha vez rematado o acto de presentación do cupón da Once dedicado a Eduardo Pondal, que estará á venda en toda España o día 9 de marzo, Alonso Montero, arroupado polo secretario da Academia, Henrique Monteagudo, lembrou que non se presentará de novo: «Xa teño dito e reitero aquí que non me presento á reelección; podería facelo, pero as circunstancias persoais de cada quen sabeas un e esa é a razón pola que teño dito que por motivacións estritamente particulares eu non me presento á reelección».

Por iso, dixo o presidente da RAG, «o meu papel, o papel de calquera membro da comisión executiva, é manter un silencio estrito. Neste momento, os que gobernamos a Academia somos nós, mentres non se celebre ese plenario». Tanto Montero como Monteagudo explicaron que a sesión plenaria será a mediados de marzo e na mesma anunciaranse oficialmente as eleccións, que poderían adiarse ata tres meses, pero a idea é facelas un mes máis tarde, o que podería ser xusto despois da Semana Santa. A cuestión é que a RAG tería moi pouco tempo para preparar os actos do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Para Alonso Montero, «sería unha falta de respecto aos compañeiros e compañeiras do plenario empezar a facer cábalas e a facer consideracións sobre puntos que non teñen moito que ver coa institución. Persoas que nos periódicos, ou na radio, ou nas tertulias, ou nos bares, poden facer observacións hai moitas. Se a institución tivese que contestar día a día non faría outra cousa». E insistiu en que tanto por respecto a institución como aos outros membros da Academia, «antes dese plenario, nin o presidente nin ningún dos membros da comisión executiva van facer declaracións de ningún tipo, e menos declaracións sobre declaracións».

O presidente, Xesús Alonso Montero, tampouco quixo facer un balance destes catro anos que leva de mandato, aínda que asegurou que o fará chegado o seu momento.