O párking do Oncolóxico, o miradoiro de Pedra da Ra e a Casa da Viña, entre as obras finalistas dos premios do Coag

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

Os galardóns máis prestixiosos da arquitectura galega máis destacada do momento entregaranse nunha gala o próximo 17 de marzo no teatro Principal de Ourense

01 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O aparcadoiro público no entorno do Centro Oncolóxico de Galicia na Coruña; a rexeneración do miradoiro de Pedra da Ra, en monte Castro, Ribeira; a rehabilitación da Casa da Viña en Allariz; a cooperativa de vivendas Galeras Entrerríos, na rúa Marie Curie, en Santiago; a rehabilitación da Torre do Reloxo en Baiona; a recuperación das Hortas de Caramoniña en Compostela; a construción dos vestiarios para o campo de fútbol na parroquia ourensá de Vilar de Astrés; o restaurante O Fragón, en San Martiño de Arriba, en Fisterra; a posta en valor do borde litoral entre Porto do Son e o Castro de Baroña; a rehabilitación dunha vivenda tradicional na parroquia de Callobre, na Estrada; a recuperación dun grupo de inmobles nas rúas San Sebastián e O Castelo, no Casco Vello de Vigo.

Estas son algunhas dos 34 obras e proxectos finalistas da 17.ª edición dos premios de arquitectura que promove o Coag (Colexio de Arquitectos de Galicia), entidade que onte deu a coñecer a listaxe. O colectivo profesional contou coa candidatura de 158 propostas visadas, executadas e finalizadas no ámbito territorial da entidade colexial entre o 31 de xullo do 2014 e o 31 de xullo do 2016. O xurado, que se reuniu o pasado venres, seleccionou 5 obras na categoría de vivenda, 5 en rehabilitación, 4 en equipamento, 5 en deseño urbano/espazos abertos, 5 en reforma e interiorismo, 4 en baixo custo, 4 en divulgación e investigación, e 2 en proxecto fin de carreira, quedando desertas as seccións de arquitectura novel e efémeras.

De cara á entrega dos máis prestixiosos galardóns da arquitectura galega máis destacada do momento, o Coag celebrará unha gala o próximo 17 de marzo, ás 20 horas, no teatro Principal de Ourense. Neste encontro, o colexio, ademais, outorgará este ano o premio especial a toda unha traxectoria ao arquitecto Xosé Xavier Suances Pereiro (Ourense, 1932), en recoñecemento ao seu exercicio profesional e con motivo da súa dilatada experiencia como colexiado, xa que mesmo foi decano do Coag entre os anos 1981 e 1983.