Xosé Luís Axeitos asegura que a RAG está «envilecida» e «secuestrada»

Para o académico a situación mudará «creando un certo consenso arredor do que ten que facer a Academia»


A Coruña / la Voz

«A Academia está secuestrada, está envilecida, e ademais está cumprindo a función dunha asociación cultural, facendo presentacións de libros, facendo homenaxes, que non é a función da Academia». Isto di o académico Xosé Luís Axeitos, que foi secretario da RAG cando a presidencia a ostentaba Xosé Luís Méndez Ferrín. Para Axeitos, a entidade «está moi pouco democratizada e, sobre todo, hai un déficit moi importante, pero moi importante, de actividade propia do mundo académico», asegurou en declaracións ao Diario cultural da Radio Galega.

Tamén falou «dunha gramática que leva 16 anos esperando despois de librar a Academia 120.000 euros. E non temos unha gramática. Esa é responsabilidade dunha institución tan prestixiosa como é o Ilga [Instituto da Lingua Galega] e de Rosario Álvarez». Axeitos -que insistiu en que «son cousas realmente preocupantes»- considera que «as persoas que máis contribuíron a envilecer e a crear un clima de tensión probablemente agora terán que dar a cara». Neste senso, dixo, e en relación a actual directiva: «Non lle renovan a confianza a un home que foi un home de palla, que foi Alonso Montero, e agora teñen que dar eles a cara». Dixo tamén que dentro da RAG «segue sen haber diálogo, séguese postergando á xente. Vai a ser unha institución practicamente subsidiaria do Consello da Cultura, da Xunta, e de intereses totalmente alleos a unha institución que foi unha referencia pola súa independencia e pola súa seriedade ao longo dos tempos».

Sobre a maneira de mudar a situación, apunta que se fará «creando un certo consenso arredor do labor que ten que facer a Academia, dun programa, e que sexa capitaneado por unha xente que non teña as mans manchadas filtrando información e outras cousas. Esa xente vai ser sempre obxecto de contestación». E rematou Axeitos insistindo na necesidade de retomar un diálogo, sentarse seriamente e decidir «quen son as persoas que poden reconducir isto; pechar certas feridas que se abriron. E mentres iso non ocorra pois loxicamente non teremos unha Academia á altura das circunstancias».

Alonso Montero anunciou esta semana que deixará a presidencia o día 20 de abril.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Comentarios

Xosé Luís Axeitos asegura que a RAG está «envilecida» e «secuestrada»