A RAG honra a Rosalía amosando tódalas fotos dos seus fondos

Rodri GArcía A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

A maior parte das imaxes da escritora que se conservan están na Academia e recollen distintos momentos da súa vida

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Se vos fixades na expresión do seu rostro, ou nos seus ollos, veredes que hai personalidade, e vos direi que non basta ser guapo por fóra se un é feo por dentro». Isto dicía, diante dun retrato de Rosalía de Castro, Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, dirixíndose a un grupo de escolares que visitaban en Vigo unha exposición sobre a escritora. Agora, o arquivo da RAG vén de pór a disposición do público a súa colección de imaxes da autora, «a máis completa das existentes», indican desde a propia entidade. Tamén salientan que a maioría dos documentos incorporados son fotografías da autora de Follas novas -nada tal día coma hoxe do ano 1837- en distintos momentos da súa vida. Entre elas está «a realizada polo estudio coruñés de Sellier convertida nunha das imaxes máis coñecidas de Rosalía de Castro, na que aparece cun chapeu de plumas», detallan. O mesmo retrato, feito nos primeiros anos de década de 1880, pode verse nunha copia en forma de óvalo e noutra reprodución sobre o debuxo dunha tea.

Pero tamén se pode ver a Rosalía sendo aínda unha moza, no ano 1855, fotografada polo estudio Mr. Encausse et Cie., que tiña un establecemento na rúa do Vilar, en Compostela. Outro dos retratos foi feito entre os anos 1865 e 1875 e tamén está nesta colección unha das fotografías más divulgadas na que a escritora posa coa súa familia no exterior Casa da Matanza, unha imaxe que está datada no mes de xullo de 1884.

Estas imaxes súmanse aos numerosos documentos dos fondos da Academia Galega que xa foron dixitalizados e polo tanto están dispoñibles para o público a través de Galiciana, arquivo dixital ao que se accede desde a páxina web da propia RAG.