«Rosalía é quen é porque nada galego lle foi alleo e nada humano lle foi alleo»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

merce ares

Anxo Angueira, Pilar García Negro e Dores Tembrás reflexionan na Casa da Matanza sobre a autora de «Cantares gallegos»

23 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá de sol a de onte na Casa da Matanza, a apenas unhas horas da celebración do Día de Rosalía de Castro, 24 de febreiro, no que se cumpren 180 anos do seu nacemento. Alí, no corazón de Padrón e de Galicia, xúntanse o investigador e director da casa-museo da escritora, Anxo Angueira, a profesora e ensaísta Pilar García Negro e a poeta e editora Dores Tembrás, tres voces moi diversas que profundaron no estudo da obra e da vida da autora de Cantares gallegos. Non hai dúbidas hoxe na sociedade galega sobre a perfecta vixencia do seu legado, que os tres acreditan sen matices. «Hai todo un rebumbio, un remuíño de actividades, de festexo, nos máis diferentes ámbitos... Xa non é o día, é a semana, é o mes de Rosalía. Rosalía está moi viva, plenamente vixente. Vixente como emblema nacional que é e tamén en canto ao seu perfil literario», confirma Angueira con entusiasmo. É a escritora galega por antonomasia, a que inaugura a literatura galega contemporánea e asemade é a escritora galega universal por excelencia, terza García Negro, quen máis aló diso ofrece unha explicación moi sinxela e elocuente: «Rosalía é quen é porque nada galego lle foi alleo e nada humano lle foi alleo».

Iso son razóns, pero aínda así sorprende o seu impacto iconográfico, a súa adopción pola xuventude, dun rostro doutro tempo, incluso nesa revisión pop atribuíble ao xa universal deseño das camisetas de Rei Zentolo, que tanto evoca ao toque Warhol. «As novas xeracións seguen a reclamala como un icono», sinala Tembrás, que visita con moita frecuencia centros de ensino e comproba sempre como os rapaces botan man dela cando se lles require polo nome dun poeta. Vai máis lonxe do popular, di, de que saia nos libros de texto, de que sexa unha figura fundamental que representa o canon, do seu peso fundacional. Tembrás fala da forza asombrosa da súa voz poética, «actualísima», que move aos mozos, e que non ten que ver con lecturas críticas ou históricas: «Hai algo que me segue fascinando, que é que poetas novísimos, adolescentes, continúan reivindicando a súa figura nos seus poemarios, cítana, dedícanlle os seus versos».

«A súa obra -enxalza García Negro- é unha interpelación constante ao ser galego, ao dereito a existirmos, a un patriotismo galego firmísimo do que non dimitiu endexamais». A modernidade radical de Rosalía -entonces unha novidade absoluta- pódese ver, anota, nesa escolla da muller como suxeito protagónico: o feminismo é un grande principio organizador de toda a súa obra, na que denuncia o sexismo e a cousificación das mulleres. Pero tamén hai unha defensa do dereito e da dignidade do traballo e un avanzado pensamento sociomoral, como a súa clarísima denuncia e enfrontamento cos poderes eclesiásticos e civís, a súa heterodoxia relixiosa... «Todo isto rebenta de actualidade -clama a profesora, reputada especialista na obra de Rosalía- porque son expedientes non só que continúan vivos senón que para a Galiza actual son grandes preguntas e grandes necesidades que temos aínda». Agora ben, esa socialización de Rosalía, esa adopción pop, non é sinónimo de coñecemento, é unha impregnación que ten de positivo una ligazón afectiva e a consideración de que é o grande símbolo galego unitivo, admite García Negro, pero que, matiza, «se houbese unha lectura profunda da súa obra a conciencia galega teríase disparado».

O seu perfil subversivo continuou, permanece, abonda Angueira. «Xa sabemos que o poder pode utilizar os emblemas edulcorados. Pero nunca houbo unha desconexión entre o pobo e a figura de Rosalía. Unha muller que bebeu do pobo, que retratou o pobo, e na que o pobo se viu retratado. É unha figura adaptable, moderna, e que aínda coñecerá moitas actualizacións, algo que non lle pasa a Castelao ou a Cela ou a Pardo Bazán, que representan outras cousas moi distintas para o imaxinario galego».

A carga revolucionaria, transgresora, patriótica, feminista de Rosalía, di García Negro, «tampouco casa cos poderes dominantes hoxe, que capturan o símbolo no seu propio beneficio, nunha versión anestesiada», censura.

¿Era a poeta unha estranxeira na súa patria?, ¿dimitiu da lingua na súa derradeira etapa?

Hai, cando se fala de Rosalía, dúas cuestións candentes que van da man: se a poeta foi unha estranxeira na súa patria, e se dimitiu ou non dos seus obxectivos ao redor da lingua galega na súa derradeira etapa. A segunda está entre o que Pilar García Negro chama «ideas eucalipto», é dicir, basta que sexan ruíns de todo para que incen. «Non hai tal dimisión en absoluto». Ela está morrendo, recorda, e un ano antes está escribindo En las orillas del Sar. «Se isto é dimisión -lamenta a profesora-, eu xa non sei como me chamo. O poema contra a tala de Conxo... É que está falando da vontade homicida». E trae sobre a mesa a Juan Naya, quen recolle os testemuños da súa filla Gala que aseguran que Rosalía seguiu escribindo versos en galego e que nos papeis que, pola súa última vontade, se queimaron había textos e versos feitos en galego.

Nese senso, razoa, se había poemas sen publicar que destruíron era porque ninguén aceptou editalos. O que leva a García Negro a concluír que foi «unha estranxeira na súa patria». Na mesma liña argumental coloca o relato da edición de En las orillas del Sar, que viaxou entre Arxentina e Madrid. E suma o episodio de 1864 cando douscentos seminaristas, «convenientemente permitidos polo bispo carlista de Lugo», acoden á imprenta de Soto Freire e rompen os cristais para impedir que un texto de Rosalía apareza nun almanaque.

Angueira replica que todos os escritores tiveron dificultades para publicar a súa obra e que esta idea contribúe a perpetuar a súa imaxe de mártir. «Non lles foi tan difícil aos que beberon na copa dourada a gloria que segundo eles merecían; non é o mesmo estatus nin o mesmo trato», porfía García Negro, que quere deixar ben claro que foi Angueira quen usou a palabra mártir. A profesora insiste e lembra que «dona Emilia Pardo Bazán entrou triunfal na Coruña e merece estatua en vida, e ten todos os honores, porque era unha escritora intelectual orgánica da Restauración e manexaba un pensamento conservador absolutamente acorde coa moral dominante». A oposición Rosalía-Pardo Bazán viviuse daquela e de novo volve saír.

Outro mito falso que debe desterrarse é aquel que naceu á par que as Irmandades da Fala, apunta García Negro, cando o poder trata de converter a Rosalía nun símbolo galego absolutamente decapitado, o da resignación, a pasividade, o sentimentalismo, a lacrimoxenia... Ou o catolicismo, como quería facer ver o crego Vales Faílde.

«Temos que facer nosa á Rosalía que escribe en castelán»

«Os que estudamos e lemos a Rosalía temos que facer nosa á Rosalía que escribe en castelán. En las orillas del Sar fala de Galicia, toma o Sar como emblema do país como Hölderlin collía o río Neckar. Ao igual que a novelística en castelán. Como Los precursores de Murguía, que está en castelán, e filoloxicamente non é literatura galega, pero é unha obra central e iso é literatura galega porque afecta á literatura galega». A aseveración de Angueira topa as reticencias de García Negro, que valora a grande importancia de coñecer estes textos, «como é imprescindible ler ao padre Feijóo ou ao padre Sarmiento, pero -corrixe- a literatura galega é a escrita en galego». A profesora si ten claro que a narrativa de Rosalía en castelán «é impresionante», como é fundamental valorar que irrompe nun xénero serio reservado ao monopolio masculino. «Cando escribe en 1867 El caballero de las botas azules, pioneiramente, está escribindo unha novela que é do século XX, cun tipo de estética e de procedementos estilísticos, de utilización dos recursos fantásticos, que vai moito máis aló na súa carga de desexo e de crítica social e de cuestionamento irónico e humorístico dos dogmas e as supersticións da burguesía como clase dominante, ascendente, que non imos contemplar no que foi logo o grande bum da novela realista española». E xunto coa novela, engade, están os ensaios, como os prólogos de Cantares e de Follas, como Las literatas ou Lieder, «onde en 1858 comete unha ruptura absoluta nun envoltorio de prosa poética que por tanto podería pasar como pura fantasía pero onde di que ela non acata as ordes dos señores da terra e que é igual a eles; iso é pura dinamita». Son, incide, textos abertamente contestatarios, á contra dos best sellers da época, que eran os folletíns. Ou, non esquecer, a volta que lle dá as personaxes femininas en El primer loco (1881), «que falan e actúan en por elas, que non son bonecos de ventriloquia».