David Barro: «Ímoslle sacar un pouco de caspa á arte»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

Deixou abruptamente a Fundación Seoane; só meses despois Barro lanza a Fundación Didac, un espazo de axitación artística

19 feb 2017 . Actualizado a las 12:05 h.

Vén de deixar abruptamente, no outubro pasado, a dirección da Fundación  Luis Seoane na Coruña, e non podía quedar quieto. O próximo 3 de marzo David Barro (Ferrol, 1974) presenta en Santiago o seu novo proxecto: a Fundación Didac (Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas), instalada no local que acolleu a galería SCQ, na rúa Pérez Constanti, moi preto da discoteca Ruta. Debuta cunha exposición que homenaxea ao comisario brasileiro Paulo Reis, con obras de artistas de gran proxección internacional ligados á súa figura como Sandra Cinto, José Pedro Croft, Cildo Meireles, Ernesto Neto e Lygia Pape.

-¿Cal é a idea orixe de Didac?

-Axudar a vertebrar o sector artístico galego, que vive momentos de debilidade pola crise, como demostran o peche de varias galerías de arte e o impacto nas propias institucións. A idea é crear unha institución satélite capaz de orbitar ao redor doutras institucións para conseguir colaboracións e coproducións que permitan a creación. É dicir, dar resposta a algunhas das necesidades dos artistas pero con maior flexibilidade e fuxindo das formalidades do concepto institución. É a idea mesma que tiña Luis Seoane, que dicía: «Soamente desde a diferenza podemos enriquecer ao mundo». Penso que hai moitas institucións iguais, tamén hai moitas que teñen moito sentido, pero que faltan institucións intermedias, capaces de bascular entre o lado máis institucional e o lado máis pegado á creación.

-Isto non é unha galería de arte.

-Non é unha galería de arte porque nin representa artistas nin acode a feiras nin ten compromisos expositivos cun artista. É un sitio expositivo de comunicación que ten varios espazos e unha das poucas condicións que se dá é non repetir os nomes dos artistas. A natureza de Didac é institucional independentemente de que para o seu mantemento poda realizar algunhas operacións comerciais, toda vez que os beneficios obtidos son reinvestidos no desenvolvemento da súa programación e actividades e, por suposto, no artista. Pero a esencia de Didac é institucional, é fundacional, no sentido de interese galego e sen ánimo de lucro.

-Non exclúe a comercialización.

-As exposicións son institucionais, aínda que de cara ao mantemento faremos proxectos con algún artista que eventualmente se poden comercializar, pero non dentro das exposicións. Podería acontecer, pero non será o habitual. Por exemplo, nesta exposición inaugural non hai ningunha obra que se venda.

-¿O deseño será a bandeira?

-A idea é reforzar un sector completamente esquecido das programacións culturais das institucións. Non hai a mesma posibilidade de ver, seguir o deseño contemporáneo que a arte contemporánea en si. Didac quere unir estas dúas facetas atendendo de onde nace, dunha editorial de arte contemporánea, Dardo, que é tamén unha empresa de deseño.

-¿Incidirá Didac en espallar a arte máis aló do público que xa ten, máis aló do propio sector, do afeccionado especializado?

-En Didac ímoslle sacar un pouco de caspa a algunhas partes do concepto arte. Temos que facer algo máis por achegarnos á xente. Pero iso non quere dicir que se vaia a perder absolutamente nada de rigor. Dende o momento en que calquera cousa vale, deixa de servir o obxectivo de chegar a un novo público. Porque estamos despistando, non formando.

-Uns obradoiros amenos para os máis pequenos, por exemplo...

-Claro. O rigor pode estar no máis simple. Acaba de morrer John Berger, ninguén más sinxelo na maneira de expresar a arte. Refírome a que debemos deixarnos de tonterías, de falar con palabras esdrúxulas e cripticismo.

-Cunha actitude máis empática...

-Aprender a ollar é o primeiro que hai que ensinarlle a un neno. Hoxe hai moita xente traballando na pedagoxía dunha maneira alucinante e que fai que os nenos aprendan divertíndose. Cando falo de rigor estoume a referir a que non todo o mundo pode expoñer nun centro de arte contemporánea. Iso xera confusión. Non hai discusión sobre que non todo o mundo poda cantar no palacio da ópera, pero nun museo parece que podería expoñer calquera. O rigor pode ser desenfadado, estar nunha exposición humorística, irónica. Pódense explicar as cousas dunha maneira distendida, se pode escoitar unha conferencia e estar bebendo unha cervexa se o espazo o permite; ao mellor nunha institución máis formal, non, en Didac si se poderá.

«A Fundación Seoane é un exemplo de corrupción ética»

Didac concíbese como un centro de axitación cultural interdisciplinar, segundo Barro, que insiste: «Non é un espazo alternativo pero tampouco é un espazo institucional formal». Terá, di, o rigor dunha institución sen as súas taras: «É que son demasiado formais, ríxidas e só hai que ler os seus estatutos para ver que poden facer moitísimo máis do que fan».

-Ríxidas, ¿por comodidade o polo seu lastre burocrático?

-Sempre pola comodidade. É moi fácil cando estás nunha institución botarlle a culpa á burocracia. Eu vivín moitas situacións así, pero era só falta de gana e de atrevemento, cousa de medos e de compromisos. A flexibilidade que ten unha fundación como a Luis Seoane é única. Outra cousa é que o padroado queira. A xente que está nos padroados ten que ser propositiva, dedicarse a facer, e lograr que os demais fagan, independentemente dos seus intereses persoais. E normalmente os padroados están cheos de intereses persoais, de xente que coida moito máis a imaxe de si mesma que os propósitos da institución.

-O seu paso pola Seoane foi unha experiencia frustrante...

-Non. Foi unha experiencia moi positiva. Estou moi agradecido e é algo que repetiría cen veces. Para min, agora, é un capítulo pechado. Pero dáme moita mágoa, polo equipo e a institución, o que está pasando. A Seoane é un exemplo de corrupción ética.

-Iso é moi forte, ¿que quere dicir?

-Non quero volver sobre iso, pero unha persoa [Silvia Longueira] cobrou dous soldos públicos durante un tempo, colocada aí a dedo por un alcalde, e fixo como se tivera unha cláusula de por vida. ¿Desde cando un director dunha institución pública é un cargo de por vida? E non hai vontade política para resolvelo. Casos como este fan aínda máis necesario Didac.

-A idea de Didac e a Seoane...

-Non montaría Didac se non tivese pasado pola Seoane. É un dos lugares con máis potencial no sector da arte en España: ten un legado absolutamente singular e, sobre todo, un grande legado simbólico, que é a figura de Seoane, un patrimonio que non ten ningunha outra institución.