O fero Roberto Bolaño

CULTURA

10 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aportentosa e desbordada lucidez do escritor chileno Roberto Bolaño, neto de avó galego, non deixa de chamar a atención en todo o mundo con cada nova publicación da súa asombrosa e irrefreable obra. Quizais porque, sabéndose el condenado a unha morte próxima por unha doenza hepática daquela inatallable, dedicouse a escribir sen parar durante a década que lle ía quedando de vida. Finou o 14 de xullo do 2003, rodeado dun montón de obras rematadas e outras a medio facer, pero todas tocadas pola maxia literaria dun autor que é realmente orixinal e novidoso. Algo que hoxe está ben acreditado, cando xa súa obra goza dun recoñecemento xeral indiscutible.

Eu atopeime con Bolaño ao ler Os detectives salvaxes (1998), unha novela moi ousada e desconcertante para quen non tivera antes contacto coa súa obra. A narración fora presentada en Barcelona polo escritor chileno Jorge Edwards, a quen se lle ocorreu dicir que era boa, moi boa, pero que el aínda non terminara de lela. Edwards recibiu daquela un fero reproche por parte do autor, que, moi anoxado (e moi convencido do seu propio mérito), seica descualificou sen piedade a actitude do o seu paisano como presentador da obra. Daquela Bolaño xa apostara toda a súa vida pola literatura.

Apaixonado lector, tamén moi namorado do cine, o autor da novela 2666 tiña filias e fobias que mantiña con argumentos moi persoais. Adoraba a Borges, pero non a Octavio Paz, e mantiña certa distancia crítica con outros grandes do bum latinoamericano. En realidade, el admiraba máis a Kerouac, Ginsberg e Corso, entre outros. Gustáballe o ritmo jazzista das súas vidas e das súas obras. Algo que tamén está nos seus libros.

Non consigo lembrar quen escribiu que «Bolaño era un escritor antigo que camiñaba por diante dos modernos». Pero isto é xustamente o que eu penso del. Porque este foi o vieiro que o levou a forzar os límites da literatura e consagrarse coma unha das voces máis importantes de narrativa en lingua española.

[Nota: ¿Hai algo de Galicia na súa obra? Non o sei, mais, se existe, habería que buscalo na ollada ousada e radical dun Valle-Inclán ou dun Castelao. Pero coido que é moito mellor non meterse por este vieiro].