Pedro Costa: «O grande cinema morreu»

A decadencia do pensamento e das artes, denuncia Costa, iniciouse cando se decidiu darlle ás persoas o que desexan


Redacción / La Voz

O Centro Galego de Artes da Imaxe dedicoulle a semana pasada unha retrospectiva, el impartiu hai uns días unha master class no museo MAC, no verán protagonizou unha aula na sala compostelá Numax ao redor do seu último filme, Cabalo Diñeiro (2014), e Cineuropa rendeulle homenaxe no 2012. Pese a ser un cineasta de culto, cunha mirada radical, parece que Pedro Costa (Lisboa, 1959) vai encontrando certo acomodo entre o espectador galego.

-¿Vostede fai cine social?

-Si, non vivo illado, non traballamos nas películas sós, separados da sociedade. Se me pregunta polo resultado, por se se trata de películas con algunha repercusión na sociedade, aí teño moitas dúbidas. Son películas feitas nos suburbios e quedan nos suburbios. Non son películas que podan ser vistas nos centros das cidades, nos grandes circuítos de difusión, por tanto teñen un acceso moi restrinxido á sociedade. Infelizmente, temos pouco alcance. Tampouco é algo que sinta como un castigo, como unha pena.

-Pero un certo impacto...

-Eu entendía o cine social como un cine que lograba vivir nunha sociedade, ate provocar algún feito, non digo mudanza, nin unha revolución, pero había películas que se discutían, provocaban inquietude, consolo... Paréceme que hoxe todo isto queda para a crítica (que transforma os filmes en puros obxectos de arte, estéticos) ou os estudos universitarios, que é un pouco o meu caso. As miñas películas serven para falar de arquitectura, socioloxía, barrios marxinais, documentais, ficción... Discusións teóricas. Pouco máis. Iso é o que provocan na sociedade.

-¿Non confía na capacidade do cine para mudar a sociedade?

-Nunca tiven ese pensamento, esa ambición. Non faría unha película máis se fose só por facer unha película. É claro que é algo social, son relacións coas persoas que topo, que filmo, con quen vou discutir a película; son relacións de confianza e eventualmente de amizade. Hai moitos anos que deixei a idea de que o cine bastábase como única razón para facer cine.

-¡Non á arte pola arte!

-Pero non só a arte pola arte. Non reducir a miña vida á dun cineasta que escribe o seu guión, procura un financiamento cun produtor, fai un casting, de tres en tres anos asume os seu éxito ou fracaso. Esa vida non é para min. Ten que haber outra cousa. Quizais sexa ilusión, fantasía, pero creo que debe haber outras cousas á volta do filme que eu necesito.

-Como se define como cineasta?

-Nunca pensei niso. Hoxe, talvez mais que un realizador, sería un produtor. Os aspectos da chamada produción, organización ocúpanme máis tempo que a propia realización, que no meu caso é moi compartida cos meus camaradas (e iso acontece cando rodamos). A realización non é nada moi especial, é apenas unha das etapas do traballo. Mais, ao contrario que moitos colegas meus, a produción non é nada que eu desprece, unha produción consecuente, esixente e decente.

-¿Obrigan as circunstancias ou é que quere controlalo todo?

-É unha condición. Case todos os directores que eu admirei moito, e aínda admiro, mais que me formaron, que me ensinaron, cuxa proposta formal foi importante para min, case todos son produtores dos seus propios filmes. Mesmo algúns cineastas clásicos norteamericanos, podía comezar por Chaplin, e despois moitos que nalgún momento de crise, nalgún impasse artístico, decidiron producir as súas películas, como Ford, Renoir, Buñuel... Crearon pequenas sociedades para tentar saír do convencional. E están os cineastas máis contemporáneos, para non falar só de Straub e Huillet, que son amigos: Godard, Jean Rouch, Varda, Marker... Que non só son moi bos directores senón tamén moi bos produtores. Cando digo filme moi ben producido quero dicir que hai unha sintonía entre os medios e os fins, algo que está moi esquizofrenicamente separado no cinema convencional.

-Na industria...

-Dubido da industria... Cando Almodóvar fala de industria... talvez fala máis da industria do consumo. El non depende tanto así dunha industria, senón da relación entre o que se gaña e o que se debe. Os salarios están moi inflados. Os salarios de alguén que traballa como actor ou director de fotografía nun filme de Almodóvar, de David Lynch... Estou a citar autores que respecto. E non quería usar a palabra inxustiza, pero a relación entre salarios e funcións é moi perversa, parece reproducir un vicio da sociedade en que vivimos. O cinema debería ser outra cousa. O cinema de Buñuel debería servir para facer o contrario dunha inflación.

-O entretemento, na orixe do cinema, ¿onde o sitúa no seu cine?

-O entretemento na orixe é Von Stroheim, Chaplin, Lubitsch… E, coa excepción de Chaplin, que logrou superar todas as clases, as idades, e aínda funciona, se se pasase hoxe unha película dese entretemento a un grupo de adultos provocaría un grande aburrimento [ri], estrañeza, incomodidade... Toda a irrealidade dun mundo que xa non existe, a irrealidade técnica, todos estes feitos técnicos son repudiados, imposibles para unha audiencia de hoxe. Nese entretemento, que vai ate os anos 30, o cine serve outro tipo de desexos, máis primarios. A violencia, as pistolas, o sexo, a perversidade son cousas que estaban ausentes do cinema ate a metade do século XX. Houbo unha mudanza de desexos e necesidades: isto é o que as persoas queren e debemos darllo. De aí a decadencia do cinema, o xornalismo, o teatro, as artes en xeral. Entro nun museo de arte contemporánea e fuxo a correr porque é un mundo…

-No que impera o consumo…

-Un mundo que dá as persoas o que elas queren. A arte, algunha cousa que teña que ver co pensamento humano non debería servir para iso. Ti pensas algo que queres discutir, pór a proba, contradicir, ese é un dos obxectivos da arte. Parece complexo discutir sexa o que fora dun filme norteamericano actual. Toda a xente acepta que o grande cinema morreu. Morreu e punto. O cal non quere dicir que non existan filmes e algúns cineastas con obras considerábeis. Mais o cinema como máquina social desapareceu, hoxe é unha máquina de producir como os McDonald’s, como nas pizzas. As persoas queren máis pizzas, ¡vamos facer máis pizzas!. O cinema foi feito para outra cousa. Mesmo por veces no caso de Chaplin, foi feito para inquietar. Buñuel dicía que un filme para ser interesante, ou apenas para existir, ten que nos mostrar que este non é o mellor dos mundos posibles.

-O cine debe sementar a dúbida.

-Pero non son cousas que vendan no box office. Quizais estea a ficar vello. Pasei polo punk rock, fun unha especie de guitarrista amateur, vivín unha época en que a música era unha expresión política e social, de intervención, e ao mesmo tempo fixo unha revolución estética. Poderase criticar que o punk era moi pobre, mais provocou algúns cataclismos. Era unha proposta política á vez que artística. Iso non aconteceu recentemente en ningunha outra arte. 

«É un mal paso para un cineasta se comeza por elixir entre ficción e documental»

Para Pedro Costa a distinción entre documental e ficción non sempre é moi clara, nin ten moito obxecto. «Encontro que os mellores documentais son case sempre cinema de ficción. E os filmes de Buñuel, canto máis pasa o tempo, máis documentais se tornan, son retratos moi crueis da sociedade de violencia que vivimos agora. Parécenme máis exactos que o que vemos na actualidade, por exemplo, nos reality shows, que considero un pouco fantasiosos».

-Filma sen enfoque concreto.

-Os problemas do cinema non son os da verdade ou da mentira, senón de espazo e de tempo, problemas concretos, como filmar un espazo, como tornar aquel espazo en tempo, ou tempo en espazo. É un traballo máis artesán, non é un traballo teórico. Non exclúo que poda haber unha teoría, en fin, pouca, mais o traballo teórico irá despois do filme, completo e executado. O labor é práctico, como filmar a alguén saíndo por unha porta... Os problemas son comúns: hai que facer ben o noso traballo, ser un bo cineasta, non un bo cineasta de documental ou de ficción. É un mal paso para un cineasta se comeza por aí.

-Vostede comezou con Reis.

-António Reis era profesor na escola de cinema de Lisboa. Se non o topo no 79 non aguanto. Era unha escola con moitas eivas. Eu non era un cinéfilo. Non coñecía o cinema portugués. Cero. A idea de dirixir era difusa. Interesábanme a fotografía, o son, as máquinas, ser autónomo tecnicamente. As aulas de António eran un gran precer. Pasou mais a ser un amigo. Era un poeta, un campesiño, do norte, da terra, moi rudo e directo.

-E vostede era urbano.

-Eu viña da resaca do punk. El era un xigante, un home moi poderoso. Fiquei esmagado. Vin a súa película Trás-os-Montes, rodada no campo profundo, falada nunha lingua moi cerrada, arcaica, que olla cara un tempo moi antigo. Foi o primeiro filme que me fascinou. E díxenme: é posible facer películas no teu país e en portugués. Por causa desa película eu hoxe continúo facendo cine.

-Cine sobre portugal.

-O interesante é que eu agora fago películas con caboverdianos, inmigrantes en Portugal, que falan crioulo. Cabal o Diñeiro é unha cinta falada integramente en crioulo. Ata se emite en Portugal con subtítulos en portugués.

-Hoxe un mestre así...

-Para explicar unha cousa do cine falaba do crecemento das plantas, as mareas, os cilcos da lúa... Era moi radical, pero fíxome moito ben. Dubido que aínda existan mestres así. Hose debes seguir un work shop de dirección... Unha locura que sempre acaba nunha cousa: como chegar a Hollywood ou os fantasmas de Hollywood.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Tags
Comentarios

Pedro Costa: «O grande cinema morreu»