Libro e homenaxe da Academia Galega a un dos seus presidentes máis activos

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

A publicación recompila 270 cartas do arquivo persoal de Sebastián Martínez-Risco

02 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Como presidente da RAG, entre 1960 e 1977, Sebastián Martínez-Risco modernizou toda a institución, promoveu a súa renovación coa entrada de xente nova comprometida de verdade coa cultura galega, e que estivera no exilio ou na emigración, como Rafael Dieste, e capitaneou todo o proceso que concluíu co traslado da Academia ao pazo que pertencera a Emilia Pardo-Bazán». Así resumiu Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor da Universidade da Coruña, a figura do académico, xurista e escritor ao que a institución homenaxeou na tarde de onte. Mato é o coordinador do libro Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977), que publica a Deputación da Coruña.

A homenaxe foi coorganizado pola RAG e a Irmandade Xurídica Galega nos 40 anos do pasamento de Martínez-Risco e no mesmo interviron Freixeiro Mato, o seu biógrafo; Consuelo Castro Rei, avogada do Estado e membro da Irmandade Xurídica Galega; a actriz Isabel Risco, neta do académico; o membro de número da Academia Xosé Luís Franco Grande e o presidente Xesús Alonso Montero.

Isabel Risco, que falou en nome da familia, fixo o perfil máis emotivo: «Atopo nel un referente, un guieiro, unha fonte. O feito de ser moi cativa cando o seu pasamento non me impediu seguir coñecéndoo e, de xeito case inconsciente, como unha sorte de xenética metafísica, ir incorporando a súa ética política e o seu amor por Galiza e por todo o que ela significa, se ben, e ao fin e ao cabo, é o propio país onde achamos todo o que precisamos para defendelo, admiralo e respectalo».