Belem Tajes, nova vocalista de Luar na Lubre

A banda coruñesa comeza a súa xira de 30 aniversario por España, Portugal e México. A vocalista estrearase o vindeiro 3 de febreiro en Almería

Tajes supón un cambio de cor de voz para Luar na Lubre
Tajes supón un cambio de cor de voz para Luar na Lubre

Redacción / La voz

«Para min, é unha ilusión e un soño». Por idade e o seu interese pola música de raíz, Belem Tajes (Bos Aires, 1985) medrou na Coruña cantando, na súa casa ou cando asistía aos concertos, os temas que máis lle gustaban de Luar na Lubre. Agora volve interpretalos, pero desta volta enriba dun escenario e convertida en compoñente por dereito propio do conxunto, que ademais acaba de iniciar a xira coa que celebran o seu trinta aniversario. Tajes é a nova vocalista do grupo e, como tal, xa se estreou a pasada fin de semana nunha actuación en Santiago. A cantante coñece ben a música tradicional, pero tamén ten formación clásica de conservatorio e os seus intereses se achegan ademais a xéneros como o soul ou blues.

Tajes cre que a súa incorporación a Luar na Lubre significa «un cambio de cor de voz», polas súas características e a súa bagaxe. «Creo que a miña voz é diferente á das demais cantantes que pasaron polo grupo», en referencia a predecesoras como Rosa Cedrón, Sara Vidal ou Paula Rey. Tajes substitúe a esta última, que deixa o conxunto «por motivos persoais para emprender novos camiños». Os compoñentes agradecéronlle onte os cinco anos compartidos e transmitíronlle «os mellores desexos nesta nova andaina». Por mor desas características diferentes, a nova vocalista cre que todas teñen estilos propios que deixan as comparacións en segundo termo.

Para entrar en Luar na Lubre, Tajes tivo que preparar unha proba con seis cancións, algunhas recentes e outras, algúns deses clásicos do grupo que cantaba dende hai anos. Despois dos nervios iniciais, fíxose co repertorio, aínda que tamén consciente de que se embarca nunha nova xeira que non exclúe a aprendizaxe.

Entre os seus proxectos, Tajes traballou en Irlanda na recolleita do cancioneiro vinculado ao mar, unha conexión entre a illa e a cultura galega. Entre os resultados da investigación saíu a gravación dunha melodía en galego con música irlandesa, que aínda espera á súa edición.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
23 votos
Comentarios

Belem Tajes, nova vocalista de Luar na Lubre