Luís Rodríguez Seoane, poeta do Banquete de Conxo

Olivia Tudela PROFESORA DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

CULTURA

26 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un novo achado, debido aos filólogos Damián Suárez e Xurxo Martínez, vén de rescatar o terceiro dos brindes do Banquete de 1856, símbolo galego do que imos coñecer máis polo libro Os últimos carballos do banquete de Conxo, que estes días presentan Alvarellos, Martínez, Singul e Souto. O brinde recuperado é o de Luís Rodríguez Seoane (1836-1902), poeta estudante que se convertería en catedrático de Medicina, senador, deputado e gobernador civil, deixando un ronsel de prestixioso doutor e home asisado. Non sabemos se o esquecemento do poema se debe ao paso do progresismo á moderación política do autor ou ao descoñecemento público dunha obra literaria á que se dedicou con intermitencia, pero ao longo da súa vida: nos Xogos Frorais de 1861 na Coruña obtivo o 1.º Premio no apartado «A la religión» cun poema de cerna masónica, e dous anos antes da súa morte viu a luz a colectánea Mis ideales. Entremedias, publicou textos varios entre os que non faltan versos galegos. A propósito de Conxo escribiu Las palomas misteriosas, aparecido en 1958 como folleto en El País de Pontevedra, que o autor dirixía canda seu irmán José, poeta morto en agraz. Narra unha lenda da Galicia feudal, ligada ao Camiño de Santiago e á fundación do convento de Conxo que, advirte o autor, fora referida por Sarmiento e tratada por Neira de Mosquera e Murguía. Conta como o malvado conde Guarino asasina a Almerico Canogio cando este vai en peregrinación a Compostela para pedir pola saúde de seu pai e poder celebrar os esponsais coa amada Ermida. Canogio terminará as etapas morto, conducido por Ermida, que o enterra ao pé dunha imaxe sinalada polas pombas. O compañeiro de Aguirre e Pondal confesa en carta-poema a Murguía que decidira consagrarse a Galicia cando viu asolagadas pola fame extensas comarcas do país. Insuflado polo espírito do Banquete, o autor fai unha invocación con palabras que anticipan os versos de Rosalía de Castro: «Probe Galicia, non debes / chamarte nunca española, qu’España de ti s’olvida / cando eres, ay, tan fermosa». Os de Rodríguez Seoane encerran de maneira algo máis leviá a mesma protesta. A coincidencia é unha proba máis do enlace da xeración do 56 coa de A. Faraldo de 1846 e demostra que o Rexurdimento se levaba preparando, en castelán e por un batallón de artistas, desde moito tempo atrás: «Galicia, patria mía, edén florido, / de estraños y de propios ultrajada, / los hijos de tu suelo bendecido / contemplándote en lágrimas bañada, / sin brindar un consuelo a tu gemido / ni a tu infausta ruina una mirada, / tal vez con otra muchedumbre extraña / Galicia, ellos decían, no es de España». Longa vida aos poemas con que brindaron en Conxo Aguirre, Pondal e Rodríguez Seoane!