Carlos Casares terá unha casa museo con exposición permanente

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Unha mostra itinerante, un gran acto de difusión en Madrid e un filme documental sobre a figura do galeguista completan os proxectos para a festa das Letras Galegas

12 ene 2017 . Actualizado a las 11:42 h.

Escritor, editor, tradutor, xornalista, deputado, un pouco fotógrafo, bastante coleccionista, afeccionado á informática e, por riba de todo, mediador cultural e creador de consensos. Son só algúns dos anacos que compoñen o crebacabezas dunha das personalidades máis poliédricas da cultura galega e son tamén algunhas das caras que se verán na exposición que percorrerá Galicia para celebrar que este ano é o das Letras de Carlos Casares.

«A idea é que se faga unha boa exposición, porque hai pezas, documentos e unha historia que contar moi interesante». Explícao Gustavo Garrido, secretario da Fundación Carlos Casares e un dos participantes na reunión que onte mantiveron co presidente da Xunta para afondar na colaboración para estas Letras Galegas. Outro deles foi Hakan Casares, administrador da fundación e fillo do escritor. Será unha mostra que non só debe servir «como escaparate do que foi Carlos Casares, senón que faga que a xente, sobre todo a xente nova, poida interesarse sobre o seu xeito de pensar, a súa visión do galeguismo e a súa acción cultural».

xoán crespo

A idea é tamén que eses mundos de Casares non volvan ás caixas e ás gabetas no 2018, senón que se consolide nunha mostra permanente e nun pequeno museo de Carlos Casares, porque a fundación non ten casa natal nin casa-museo. Por razóns obvias, Ourense e Xinzo están interesados en acoller esa mostra permanente. Un proxecto que xa conta co interese e coa disposición a colaborar da Xunta. 

Para o gran público

Esa, a exposición sobre Casares, é unha dos tres grandes proxectos destas Letras. O segundo é a filmación dun documental ou un biopic non dramático sobre Casares. «Gustaríanos dar con algún creador que puidera facer un produto que non fora só un documental de consumo interno ou que nos satisfixera a nós, senón unha peza audiovisual que servira para levar a festivais», di Hakan Casares. Unha peza audiovisual dirixida ao gran público, con factura de calidade e con vocación universal.

Esa vocación universal e a faceta de embaixador cultural de Casares tamén se reflicte no gran acto que proxectará as Letras Galegas fóra de Galicia. «A nós gustaríanos que fora no Instituto Cervantes» en Madrid, explica Gustavo Garrido. «Será unha mesa redonda ou unhas tertulias, pero ten que ser algo con certa transcendencia en toda España». Esa reunión de amigos de Casares en Madrid vén poñer de manifesto a faceta de mediador cultural de Casares fóra de Galicia.

A capacidade de mediación cultural, de tomar iniciativas para modificar o ambiente cultural do país, terá moito protagonismo nestas actividades centrais no ano de Carlos Casares, un home que foi abrindo novos vieiros na arte contemporánea, no audiovisual e nas artes escénicas a través do Consello da Cultura Galega.

TINO VIZ

«Transcende a faceta de editor, de buscar novos valores que publicou Galaxia e que hoxe estamos lendo», porque no resto dos ámbitos culturais, ademais de novos creadores e xeitos de ver diferentes, «tamén facían falta institucións» que se foron conformando sen a intervención directa de Casares, que si facilitou ese avance dun xeito que o definiu: buscando os consensos e non os enfrontamentos. Resolvendo problemas.