Un facsímile de «A Nosa Terra» pecha o ano das Irmandades

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

A Universidade da Coruña publica o número, xunto con estudios de Víctor Casas, Teresa López e Uxío Diéguez

30 dic 2016 . Actualizado a las 10:47 h.

«Os amigos da Fala seremos, pois, sempre, os gardadores do lume sagrado da patria galega. Oíde ben: non hai outro rexionalismo que o que se faga en galego, e si este non xurde, non xurdirá Galicia (...) Somos o formento d’un porvir grorioso de dinidá e libertá...». Isto escribía Antón Villar Ponte no primeiro número de A Nosa Terra, do que a Universidade da Coruña presentou onte unha edición facsímile. Neste primeiro número e co título de A bandeira ergueita, debuxaba o ideario das Irmandades da Fala. Este colectivo foi «o maior esforzo en favor da modernización do país que se fixo no século XX», dicía Uxío-Breogán Diéguez, profesor da UDC e autor dun dos tres traballos que acompañan a publicación do facsímile. Tamén lembraba como o traballo das Irmandades deu lugar a celebracións como a do 25 de xullo, Día da Patria Galega, e outros elementos do imaxinario galego.

Diéguez cita no seu estudo outro dos textos que acompaña a publicación, o de Víctor Casas, que fora director de A Nosa Terra durante a ditadura de Primo de Rivera. No texto que se recolle Casas facía balance do labor desenvolvido nos primeiros vinte anos da publicación con datos como «Amado Carballo e Manuel Antonio deron aos lectores de A Nosa Terra as primicias da súa obra poética» ou que «a súa tirada actual é de 1.100 exemprares semanaes». Tamén salientaba como a Bos Aires e Montevideo «mándanse 50 exemprares de cada número».

O terceiro traballo da publicación que acompaña a edición facsímile, presentado por un texto de reitor Julio Abalde, é de Teresa López, profesora da UDC, e leva por título Para ler A Nosa Terra. Remata dicindo que nesta publicación vive a Galicia de hai cen anos, «un labor colectivo que é preciso coñecer» para entender a Galicia de hoxe.

A Deputación coruñesa colabora con esta publicación e a súa vicepresidenta, Goretti Sanmartín, dixo que o facsímile «pon o ramo a este ano das Irmandades da Fala», aínda que o organismo provincial seguirá facendo actividades sobre a entidade para o próximo ano.

Abalde lembrou que na súa toma de posesión, en xaneiro, remarcara a importancia das Irmandades.