Jorge Mira, novo membro da Real Academia: «O galego non se vai extinguir, pero está ameazado»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O físico entra na institución xunto a Carlos Rodríguez Brandeiro

18 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A física entra de cheo na Real Academia Galega. E faino da man de Jorge Mira (Baio, 1968), que non só se dedica con paixón a divulgar a ciencia, senón que o fai en galego. Pero o seu verdadeiro mérito, e o que o fixo acredor de ser elixido como novo académico correspondente, xunto con Carlos Brandeiro, foi o desenvolvemento dunha modelización matemática, mediante ecuacións diferenciais, dos sistemas sociais que aplicou ao comportamento colectivo no ámbito das dinámicas lingüísticas. Foi unha ferramenta coa que reproduciu fielmente a evolución histórica do número de falantes da lingua de Rosalía e do castelán nos últimos cen anos, polo que, despois desta comprobación, tamén pode ser útil para predicir cal vai ser o futuro e se, neste proceso, un idioma se vai impoñer ao outro ou se, pola contra, poden seguir a convivir.

E isto foi o que probou. Nos primeiros resultados demostrouse que o castelán ten un maior estatus social, pero que o galego non corría perigo. Os últimos datos non parecen contradicir o prognóstico, pero advírtense algúns riscos. «As dúas linguas están nunha situación -di- estable, pero delicada. Eu creo que o galego non se vai extinguir, pero está ameazado. Necesita un certo agarimo e compre aumentar a súa promoción». E, matemáticas á parte, as vivencias diarias fanlle reflexionar. «Cando eu era pequeno, a gran maioría dos rapaces de Baio falaban en galego, pero agora fano menos que antes».

Jorge Mira non desiste e predica co exemplo. O catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago faino na súa prolífica actividade de divulgación científica en galego, tanto nos seus libros -A ciencia no punto de mira e A que altura está o ceo?- como nas súas conferencias, a súa participación nos medios de comunicación, con programas na TVG, na Radio Galega, e as súas habituais colaboracións en La Voz de Galicia.

«O galego é lingua do país e é plenamente válido para divulgar a ciencia. Son da Costa da Morte, que en porcentaxe é a zona onde máis se fala, e para min é plenamente natural empregalo», di. Aínda que bota en falta un maior uso no ámbito do ensino universitario. «Eu -sinala? imparto as miñas clases en galego, e fálolles tamén así aos meus alumnos».

Un reforzo coa comunidade galega de Arxentina e Uruguai e coas novas xeracións de falantes

O nomeamento de Carlos Brandeiro (San Román de Cedeira, 1979) como académico correspondente da Real Academia Galega «fornece a súa rede de embaixadores no exterior cun referente entre as novas xeracións». Non en van Brandeiro é unha figura recoñecida da comunidade galega en Arxentina e Uruguai. Dende o 2013 é director do instituto arxentino-galego Santiago Apóstolo, da Fundación Galicia-América; antes, dende o 2005, fora o seu secretario técnico educativo e dende o 2002, profesor de lingua galega. Neste centro xa foron escolarizados varios centos de alumnos que aprenderon non só a lingua, senón tamén a cultura galega no sentido máis amplo, como proban actividades como o seu coro, que canta dende cantigas de Alfonso X ata versións musicadas dos Seis poemas galegos de García Lorca.

Este labor docente de Brandeiro non se queda só nas idades máis temperás, senón que abrangue tamén a universidade. Entre os anos 2001 e 2003 impartiu clases no Instituto de Estudos Galegos da Universidad de Buenos Aires. E mesmo chega aos libros, xa que é coautor dun manual de aprendizaxe do galego.

Revistas e editoras

Neste último ano está involucrado tamén no proxecto Mar Maior, de Editorial Galaxia, para difundir a literatura galega no exterior, e do que é presidente en Arxentina. Dende o ano 2006 dirixe a revista cultural Gavieiro da Nosa Identidade.