Humoristas galegos

CULTURA

16 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai case medio século, Pedro Laín Entralgo preguntábase se podía ser un azar que, desde Cervantes para acó, fosen galegos «todos ou case todos os humoristas españois: Valle-Inclán, Bargiela, Camba, Castelao, Fernández Flórez, Álvaro Cunqueiro, Gonzalo Torrente Ballester e, baixo modos voluntariamente desgarrados e tremendistas, Camilo José Cela». E a súa pregunta segue aí, con respostas nunca definitivas, pero que coinciden no esencial, sobre todo cando incorporan os conceptos de saudade e de ironía ou retranca. Porque o humor galego ten unha máxica proporción de todo, e tamén dunha burla que acolle rebelión, ataque e defensa.

É certo que o humor de Camba e o de Cunqueiro non parecen ter as mesmas raíces, pero téñenas! O que de certo os diferenza son as súas formulacións literarias, máis poéticas no caso do escritor de Mondoñedo. Pero no fondo deles respira unha mesma ánima humorística. A mesma de Castelao, tan directa, e a de Valle-Inclán, tan sublime e poética. Todas elas enchen ese eido de visións compartidas e racionalizadas, que en realidade son as respostas duns observadores pragmáticos que ven vir os acontecementos e saben distanciarse deles, para así xulgalos sen apaixonamento, buscando a complicidade do lector ou interlocutor.

Se nos fixamos no humor de Ánxel Fole ou de Xosé María Castroviejo temos case todo o imaxinario galego de lobos e ánimas en danza. Distinto parece o de Cela, sempre tentado polo exceso verbal, entre a retranca e o insulto. Porque o Nobel galego nunca deixou sen resposta un ataque, como quedou acreditado cando os novísimos da literatura española (Antonio Muñoz Molina, Julio Llamazares, Javier Marías, etcétera) renegaban del e non paraban de cantar as excelencias dos latinoamericanos, sobre todo as de Juan Carlos Onetti, Julio Cortázar ou Gabriel García Márquez. Cela botou man da súa fumigadora e, armado co seu tardío Premio Nóbel, dedicouse a escorrentalos con armas de humor groso. Porque o de Cela era un humor galego, si, pero tinturado dun arrebatamento británico que ás veces transparentaba o rancor ou a xenreira que sentía.