Antón de Santiago: «Esta obra é unha achega á cantiga lírica galega»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

O libro recolle as partituras escritas con versos de Lorca, Bouza Brey, Rosalía ou Ramiro Fonte

02 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O novo libro de Antón de Santiago ten música. O cantante lírico, compositor, docente de música e autor teatral publica Cantigas Líricas Galegas. Para canto e piano e pezas corais (Edicións Fervenza), un conxunto de partituras musicais que teñen a súa orixe en poemas de poetas que van desde Lorca, Rosalía, Curros ou Cunqueiro a Miguel Anxo Fernán-Vello, Celso Emilio ou Ramiro Fonte, pasando por Cabanillas, Teixeira de Pascoaes e Miguel Hernández, ademais de composicións do propio autor. O libro, que conta co apoio de Política Lingüística da Xunta, «vén sendo unha achega ao acervo da cantiga lírica galega que é, como insisto moito, músicas clásicas cantadas en galego».

-¿Como definiría a cantiga lírica galega?.

-É a simbiose fermosa e esencial da poesía, a música e o fondo lirismo da lingua galega. Tomando as verbas de Curros a Rosalía é a estrelada ilusión lírica de levar (Galicia) no bico un cantar.

-Esta lírica é unha constante na súa traxectoria.

-Lévoa cantando desde o meu debut en abril de 1974 cun monográfico de cantigas líricas galegas. Iso empurroume a escribir cancións, algunhas como Nao senlleira foi un encargo para a homenaxe da TVG a Bouza Brey. Así que fixen este traballo pouco a pouco porque o meu labor principal é o de intérprete e docente de canto.

-¿A quen vai este libro?

-Pasará a formar parte dos recursos didácticos que teñen os centros onde se imparte música e tamén haberá sitios na Internet nos que poderá descargarse.

-Parte das cantigas do libro están gravadas vostede...

-No ano 2000 saíu un disco recompilatorio, Cantigas líricas galegas para o fin do milenio, que canto eu e toca ao piano Juan Durán. Tratei de deixalas case todas gravadas para faltaba a publicación das partituras para que estiveran ao dispor de todo o mundo.

-Remata o libro cunha curiosa panxoliña, «Pelegriños da estrela».

-[Risas] Si, son uns peregrinos que chegan a Compostela nunha nave espacial. É un divertimento, como é a miña novela Custodio ou a fe do carboeiro sobre o roubo do Códice Calixtino.