Carlos G. Reigosa enfronta razón e superstición na súa nova novela

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

«Segredos de Bretaña» desentraña un antigo crime nunha vila

30 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un escritor que vén de entregar unha novela e necesita desconectar trasládase dende Madrid a unha apracible vila costeira do norte de Galicia, Bretaña, á procura dun merecido descanso. Porén, unha vez alí empezará a escoitar historias de vellos sucesos que abrirán nesa idílica existencia unha fenda pola que emerxerán escuros feitos.

Este é o punto de partida de Segredos de Bretaña (Xerais), a última novela de Carlos G. Reigosa (A Pastoriza, 1948), que, a través da intriga, dá forma literaria a esa antiga oposición entre superstición e raciocinio. «O libro formula unha contraposición entre un personaxe que provén do mundo da racionalidade, o escritor, e a vila, que representa esa harmonía total e completa que se acada pola crenza nunha realidade máxica ou a superstición», explica Reigosa.

Esa colisión encárnase aquí no relato da desaparición dunha muller deixando un bebé na vila: a versión que os veciños levan anos contándose a si mesmos, a que lles permitiu pasar páxina, é a que desencadea o instinto novelístico do escritor, quen axiña advirte as inconsistencias da narración colectiva. «A novela é a dialéctica entre ese mundo no que todo ten explicación, como que se un cadáver aparece con rabuñaduras daquela foi a Santa Compaña, e o mundo da razón, representado polo escritor, para quen esas xustificacións non teñen sentido», engade Reigosa.