Miguel Anxo Fernández, premio Blanco Amor coa súa novela «Blues para Moraima»

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

O xurado enxalza a axilidade do relato, que alterna os tempos da Guerra Civil e os anos 80

27 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor, profesor e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) alzouse co premio Blanco Amor de novela, segundo o fallo adoptado nesta 35.ª edición do certame, cuxa organización asumiu hai pouco máis de medio ano e de modo permanente a Deputación de Ourense. O xurado enxalzou a obra Blues para Moraima pola súa «axilidade narrativa, o tratamento histórico dunha época e a introdución do tema do cine e a televisión como canle de desenvolvemento dunha intriga que atrapa ao lector». O galardón comporta unha recompensa económica de 12.000 euros.

«Levaba doce anos traballando nesta novela», anota un sorprendido e desbordado Fernández, que recorda que é un labor sen présas -«porque eu non vivo disto, non teño urxencias nin presións editoriais»-, con moitas correccións, voltas, reviravoltas, repensados, engadidos, supresións, reescrituras... «Aínda hai só un ano que cambiei a estrutura do libro», incide o autor.

O ensaísta e crítico de cine en La Voz de Galicia compaxinou este traballo co detective libresco Frank Soutelo, un investigador norteamericano con raíces galegas do que é creador e do que xa puxo seis entregas na rúa -«e xa teño outras catro aventuras en fase de desenvolvemento»-. A cada unha dedícalle unha media de catro anos, non anda con afogos. «Ademais, o sistema literario galego ten a capacidade que ten, son os lectores que son, iso non se pode esquecer», di para admitir que a clave estaría agora en dar o salto cara o mercado do español. Pero el dá clases na Facultade de Ciencias Socias e da Comunicación de Pontevedra e nin ten axente nin se move demasiado. De feito, hai pouco que a primeira entrega de Soutelo, Un nicho para Marilyn (2002) foi levada ao inglés por Kathleen March por propia iniciativa da tradutora e de Jonathan Dunne (no seu selo Small Stations Press), «e sen pasar antes polo castelán», subliña.

Blues para Moraima está ambientada en dúas épocas diferentes, que vai alternando en cada capítulo: nos tempos da República e a Guerra Civil e nos anos oitenta, aínda que non fai referencia cronolóxica explícita (nin tampouco toponímica). Combina ingredientes de relato histórico, fantásticos, de thriller, de drama, políticos e de comedia negra. O protagonista é un xornalista de televisión que -traballando nunhas reportaxes sobre o sector audiovisual do país- inicia unha investigación sobre un documentalista exiliado en EE.UU. hai corenta anos, e comezan a pasar cousas estrañas a medida que vai descubrindo episodios do pasado. Fernández -que destaca o esforzo de documentación e pulido que investiu nesta novela- espera toparlle pronto ao libro un editor, mentres aínda apura a promoción de Un dente sen cadáver, a última pescuda de Soutelo.