Pioneira na construción do teatro galego, a personaxe de Amadora cos Tonechos procuroulle a fama. Sufría desde hai tempo problemas de saúde, faleceu aos 72 anos
23 nov 2016 . Actualizado a las 08:42 h.O teatro galego non tería madurado tan rapidamente, cara unha profesionalidade e unha dignidade laboral razoables -é verdade que o sector aínda trata hoxe de superar a súa dependencia das axudas públicas-, de non existir xente como Dorotea Bárcena (1944). Naceu en Oviedo pero criouse nun barrio obreiro de Vigo. Lembraba onte ese papel pioneiro a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que -tras expresar o seu pesar polo pasamento da intérprete aos seus 72 anos- enxalzou a súa figura como «un referente artístico e persoal tanto para a súa xeración, que foi a que puxo en pé o teatro profesional ao longo dos anos setenta, como para as que viñeron despois e seguiron a construír a escena do noso país».
Dende pequena Bárcena xogaba na súa casa a recrear personaxes ou a representar monicreques, e no colexio María Inmaculada facía tamén os seus primeiros experimentos na escena. Co seu tesón, o seu sentido do humor e a súa vocación, mostrou o seu compromiso dende moi pronto, cando deixou a seguridade da docencia nos anos setenta para crear xunto a Xúlio Lago a compañía Esperpento Teatro Joven. Coma outros actores galegos, marchou a Madrid, na procura de acelerar procesos e, xa de volta, axiña se fixo un nome no incipiente teatro galego que bulía naquela década.
Pese a que se sentía sobre todo actriz, as necesidades do teatro a levaron polo camiño da autoría, da dirección, da produción e incluso da empresa, como fundadora de varias compañías. Con ese sólido camiño ás costas -no que ela mesma recoñecía ata días de fame, literalmente-, Bárcena converteuse en 1988 na primeira muller en dirixir o Centro Dramático Galego, ela que tanto traballou nos inicios con textos e montaxes de corte feminista. Baixo o seu goberno estreouse aquela montaxe marabillosa da peza do irlandés John M. Synge O mozo que chegou de lonxe.
Pero, inxustamente, tivo que ser a televisión a que lle dera a fama. Primeiro, na serie ¿Quién da la vez?, dirixida en 1995 por Vicente Escrivá para Antena 3. E, por riba de todo, está a súa Amadora (a sogra do personaxe de Roberto Vilar) no Show dos Tonechos na TVG. Bárcena nunca renegou dun papel que dignificaba co seu talento, que a divertía e a converteu nun dos rostros más populares entre o público galego.