Narf, alma xemelga e viaxeira

Uxía TRIBUNA

CULTURA

20 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Fran Pérez, Narf, foise coa lúa grande. O baleiro que deixa en min e nos milleiros de persoas que o quixeron e amaron é inmenso, mais non debemos caer na tentación só do lamento e dos golpes no peito porque el é dunha tribo que acredita no futuro e deixounos o exemplo de como debemos ser valentes e deixar a pel por e para a música no escenario, na estrada, nos camiños intrincados da arte. Aínda que, como ben dicía, quen sabe cantar a tristeza, sabe captar a esencia da alegría. A música foi para el un impulso tan irremediábel e primitivo como a propia vida e iso guiouno sempre. Teño aprendido moito do meu compañeiro, abofé: a entrega, a empatía, a autoesixencia, a xenerosidade sen límites, a serenidade para afrontar os problemas, o humor en momentos complicados, a calma no medio do vendaval...

Fran, o meu faro errante polos vieiros da Galiza imaxinaria que percorremos sen descanso desde que tiven a fortuna de cantar ao seu lado como unha soa voz, atopando un lugar común onde harmonizar na sinxeleza os nosos xeitos, tan diferentes. Así unimos a distorsión salvaxe da súa guitarra coa nosa arma poderosa, a pandeireta, convidamos ao baile e a abrir as mentes ao noso espazo emocional, ese que habitamos e soñamos.

Foi un privilexio ter compartido tantas conversas, novas e vellas amizades, desde Chile, Arxentina, Uruguai, Londres ou Brighton, á longa e vizosa xira polos EE. UU. de costa a costa. Impactoume o interese polas persoas, polas terras que visitamos xuntos. A súa curiosidade levounos sempre a vivir momentos sublimes e situacións moi divertidas tamén. Nós, sempre crendo no potencial da música como ferramenta de comunicación. Nós, coas raíces ben chantadas mais coas antenas, as ramas, conectándose con outros mundos.