María do Cebreiro e Uxía obteñen os Premios da Crítica de Galicia

Jorge Lamas Dono
Jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

Os galardóns recoñecen o labor creativo en oito ámbitos da cultura galega

20 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Oito novos nomes engrandecen dende onte a historia dos Premios da Crítica Galicia, uns galardóns creados en 1978 para recoñecer os traballos máis representativos e apoiados pola intelectualidade do país en todos os sectores da cultura galega. Onte, en Vigo, foron desvelados os gañadores deste ano. O xurado da trixésimo edición dos Premios da Crítica Galicia recoñeceu o labor de María do Cebreiro, a través do seu libro O deserto, na modalidade de creación literaria. No eido da investigación foi premiada Blanca Roig polo seu traballo Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega. A cantante mosense Uxía recibiu o prezado trofeo no espazo musical pola súa «longa traxectoria como intérprete, comezada en 1986, coa gravación de Foliada de marzo, así como a súa calidade como compositora e letrista». O Observatorio pola Igualdade da Mariña foi a entidade destacada pola súas iniciativas culturais e científicas. Igual premio recibiu o fotógrafo Gabriel Tizón no que respecta as artes plásticas, mentres que as artes escénicas tiveron o seu protagonismo a través de Teatro do Atlántico. Os dous restantes premios foron para Alberte Pagán, no apartado de cine e artes audiovisuais, e para Artesáns da Pesca como gañadores do premio de cultura gastronómica.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, felicitou aos creadores destes galardóns e aos xurados participantes, por manter vivo un proxecto que fornece de ilusión aos creadores galegos e a todos os que traballan en prol da cultura. Así mesmo salientou que os Premios da Crítica demostran que se pode vivir no respecto das diferenzas, procurando espazos de encontro para todas as sensibilidades culturais e artísticas que se desenvolven en Galicia. 

Irmandades da Fala

Baixo o lema «En Irmandade», lembrando o centenario das Irmandades da Fala, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido por Noelia Otero, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria destes premios que chegan a súa trixésimo novena edición.

Os premiados foron elixidos por un amplo xurado especializado en cada un dos ámbitos de creación cultural.