A presentación de «A casa do medo» tivo lugar no Fogar de Santa Margarida da Coruña, onde empezou a dar clases
19 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.
«Onte regresei a Valverde, a vila onde transcorreron os primeiros doce anos da miña vida». Así empeza A casa do medo (Rodeira) a novela póstuma de Agustín Fenández Paz, falecido o pasado verán. A figura do escritor tamén regresou onte ao Colexio Fogar Santa Margarida da Coruña. Alí foi onde empezara a dar clases. «Despois marchou a Guernica», lembraba Alfonso G. San Martín, un dos responsables do centro.
Durante dúas horas, alumnos, familiares, amigos e, sobre todo, lectores de Agustín Fernández Paz participaron en diversos actos arredor da presentación desta novela póstuma que o autor «foi escribindo aos poucos, entre visitas aos médicos», lembraba Isabel Soto, tradutora das súas obras. A crítica Chus Fernández contaba, nun salón de actos do cheo, como esta novela goza do «rigor literario que teñen todas as súas obras» e salientaba a «prosa limpa, falsamente sinxela, porque detrás hai un grandísimo traballo». Explicaba que este é «un relato de terror dos que tan ben se lle daban a Agustín», moi do estilo de H.P. Lovecraft, «ese terror que está no ambiente, inmaterial». E xunto co misterio e as aventuras, o libro ten «unhas pinguiñas de romance» e tamén «un certo toque de fantasía épica», como é A illa da Lúa, da que inclúe un mapa. Para Chus Fernández, esta novela tamén evoca o gran clásico de Tolkien, xa que nela aparece O señor da serpe e hai algúns obxectos máxicos, como é unha chave, que axudan na aventura que conta.
A novela parte, explicou Isabel Soto, «dun relato previo, que era A casa da bruxa», un caseto que estaba nas aforas de Vilalba, a terra do escritor, e que lles daba moito medo aos nenos, algo ao que tamén axudaban os maiores coas súas historias.