Unha espiral de sons silvestres

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Se como alcume artístico elixiu o seu nome, Fran, lido ao revés, o músico tamén se movía con comodidade, arriba e abaixo, por esa longa curva que eran as súas cancións

16 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Narf describía a súa traxectoria coma unha espiral: «É como volver a pasar polos mesmos lugares pero a outra altura». Se como alcume artístico elixiu o seu nome, Fran, lido ao revés, o músico tamén se movía con comodidade, arriba e abaixo, por esa longa curva que eran as súas cancións. Unha figura que tanto se expandía de xeito natural, dende o blues o rock ata os irresistibles sons de latitudes afastadas, como se repregaba na procura dunha atmosfera máis íntima a través do acústico. Na cerna mesma desa espiral, Galicia e o galego, un punto de partida e chegada nas travesías musicais atlánticas.

Narf foi un dos activos da escena compostelá de finais dos oitenta. A súa participación simultánea en Os Quinindiolas e Nicho Varullo, propulsores dun rock guitarreiro que sintonizaba coa música negra clásica e contemporánea, así como na fundación da Sala Nasa en 1992, deixaron nel a aposta clara pola innovación e a autoxestión, ademais de rodealo dun colectivo de persoas que o haberían de acompañar ao longo da súa traxectoria, como Pepe Sendón ou os membros de Chévere. Narf desenvolveu o seu lado máis teatral e escénico grazas ao seu traballo como actor e músico coa compañía, para a que asinou a banda sonora de montaxes como Río bravo, premiada cun dos catro María Casares que recibiu neste eido.

Narf foi superpoñendo espira tras espira nese trazado que o levou organicamente aos sons que atopou en ambas beiras atlánticas, nomeadamente África, especialmente Mozambique, e Brasil. O galego interpretou estes códigos con total naturalidade, lonxe do turista que viaxa á procura do exótico sen apenas traspasar a superficie: absorbía e asimilaba todo o que lle interesaba, construíndo unha estética tan persoal como engaiolante. Disto dan testemuño discos como Tótem, epítome dun xeito de compoñer e tocar que Narf gustaba de cualificar de «silvestre»: «É como as flores do monte, son naturais e son bonitas». Unha acepción inclusiva que tanto abrangue as súas colaboracións con Manecas Costa (Aló irmao!) ou Uxía (Baladas da Galiza imaxinaria) como a achega á poesía de Rosalía (Nas tardes escuras): «Como unha rapaza coa que me tomo un viño e falo das nosas cousas».

Se a música de Narf podía desprender unha contaxiosa vitalidade era porque el sacaba o mellor de si e os demais grazas ás súas colaboracións, fosen os músicos citados e moitos outros, actores, escritores ou deseñadores, enriquecendo así o mundo.