Un recital con 130 lectores espallou a semente de Pondal

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

Nenos, mozos e maiores leron o facsímile de La Voz polos 130 anos de «Queixumes»

13 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A sede da Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso volveu ser onte unha morna lareira de xuntanza arredor do bardo e, máis concretamente, dos 130 anos da publicación dos seus Queixumes dos Pinos, piar da literatura galega. Por tal efeméride, catro mozos artellaron na pequena aldea do Couto, a moi pouca distancia da casa natural do poeta, unha lectura colectiva que durou dende a mañá ata xa ben entrada a tarde, cunha persoa por cada ano de aniversario. Nenos, mozos e maiores atoparon nos poemas de Pondal un nexo de unión interxeracional. Foi, ademais, dobre día de festa, xa que, nas mans, todos os que se achegaron a ler sostiveron o facsímile de Queixumes dos pinos editado por La Voz coa colaboración da Fundación e Gadis, e entregado onte co xornal. 

Tratouse, en definitiva, de achegar a creación do bardo ao público en xeral, «esparexer a súa semente», tal e como dixo o xerente da entidade, Xosé María Varela. As profesións máis diversas, e sobre todo moita xente de a pé, máis alá das letras, leron onte Queixumes nun acto no que non faltou a música de acordeón ou violín nin tampouco o Himno Galego, contado con fonda voz por Bruxo Queiman e cantado por Andrea Pousa. A actriz Marta Lado, galardoada protagonista de Sicixia; os deputados Ricardo García Mira, Xosé Regueira e Aurelio Núñez; a pequena masterchef Ana Oca; e unha ampla representación da cultura comarcal foron algúns dos participantes.