La Voz presentou na Academia o facsímile de «Queixumes dos pinos»

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CÉSAR QUIÁN

A gran obra de Pondal poderá adquirirse co xornal de mañá polo prezo de 1,95 euros

11 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O 12 de novembro de 1886 saía do prelo de La Voz de Galicia, daquela na rúa Santiago da Coruña, o poemario Queixumes dos pinos. A gran obra de Eduardo Pondal publicábase na colección Biblioteca Gallega, impulsada por Juan Fernández Latorre, fundador do xornal, e Andrés Martínez Salazar, quen sucedería a Murguía na presidencia da Real Academia Galega. Onte volveron a reafirmarse os estreitos lazos entre o diario e a institución coa presentación na sede académica do facsímile do libro de Pondal, que La Voz ofrece mañá aos seus lectores, xusto o día no que se fan 130 anos da súa aparición. O volume poderá adquirirse por 1,95 euros mais o cupón que aparecerá na primeira páxina do xornal.

No acto de presentación, o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, destacou que Queixumes dos pinos foi o primeiro libro monolingüe en galego de Pondal, ademais do único que publicou en vida. O volume apareceu na Biblioteca Gallega, unha colección «que non había outra na cultura galega desta entidade, características e riqueza», segundo Alonso Montero. O presidente tamén se felicitou non só da coincidencia do aniversario da obra, senón de que esta apareza en vésperas do centenario da morte do seu autor, que se celebrará no 2017. E tamén amosou a súa ledicia de que estivesen presentes no acto alumnos de Ponteceso, «representantes do futuro» de Galicia.

No acto tamén interveu o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras, quen lembrou que ademais da primeira edición e este facsímile de Queixumes dos pinos La Voz xa publicara outras dúas versións: «Unha, en 1975, cando o galego aínda se atopaba na longa noite de pedra da marxinalidade, grazas ao compromiso con Galicia e a súa lingua de Santiago Rey Fernández-Latorre, e outra dentro da Biblioteca 120, que levou centos de miles de libros aos fogares galegos».

A quenda de intervencións pechouna o alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Pondal, Lois García Carballido, para quen Queixumes dos pinos é unha obra de relevancia actual, «que pon a Galicia no espello do seu reencontro». Equiparou o poemario a unha frecha de Cupido, disparada «para que Galicia namorara de si mesma e saíra dos séculos escuros da autoxenreira», unha mensaxe de compromiso co país cunha vixencia que chega ata hoxe: «Os barcos veñen a construírse a Ferrol e a Vigo cando fala La Voz de Galicia», advertiu, reclamando para a Costa da Morte unha atención que lle evite de desaparecer lentamente, vítima «dos peores agoiros demográficos de Europa».

Unha edición tan fiel que reproduce ata a dedicatoria do autor a Emilia Pardo Bazán

No acto gabouse a transcendencia de Queixumes dos pinos non só para o Rexurdimento, senón para toda a poesía posterior escrita en lingua galega. Mais tamén houbo eloxios para a edición facsimilar que editou La Voz en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso e co patrocinio de Gadis. Alonso Montero amosou na presentación o exemplar da primeira edición do poemario que se conserva na biblioteca da Academia, un libro que pertenceu a Emilia Pardo Bazán, a quen lle dedicou a obra o seu autor: «A la insigne escritora, prez de su sexo y esplendor de Galicia». A edición que se poderá conseguir mañá co xornal é tan fiel que reproduce a inscrición manuscrita de Pondal na súa primeira páxina, aínda que non o deterioro na capa do volume orixinal, un detalle que remarcou con satisfacción Alonso Montero. O presidente da Academia amosou outra versión de Queixumes dos pinos, a segunda edición, que non chegaría ata 1940, editada e ilustrada por Luís Seoane.

A presentación tamén serviu para destacar a mensaxe de Pondal, que Xosé Ameixeiras definiu como «unha chamada aos galegos para que tomasen conciencia de si mesmos». Acadouno, dixo, cun «gran nivel estético» e facendo da lingua «un sinal de identidade». Para Lois García Carballido, esa reivindicación pondaliana entronca coa «liberdade, esperanza e fraternidade» que dende Francia se estenderon ás novas democracias, e que o propio Pondal, canda Rosalía e Curros, levou á súa poesía. «Os piñeiros puxeron voz con forma de queixume, de laio ou lamento, pero na queixa hai tamén reivindicación».

No acto, ao que asistiron académicos como Xosé Luís Franco Grande, Xesús Ferro Ruibal ou Henrique Monteagudo, xunto con descendentes de Pondal e unha ampla representación da cultura e a política galegas, tamén se puido comprobar en vivo por dúas veces o magnetismo da obra do escritor. O poeta pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo lembrou que recitara ao bardo por primeira vez aos catro anos, antes de ler, emocionado, Campanas de Anllóns. O segundo momento chegou coa clausura da presentación, cando a clarinetista Blanca Represas, que o iniciara coa súa música, interpretou o himno galego, que secundaron os asistentes cantando a letra que Pondal escribiu.