La Voz de Galicia presentou na Real Academia Galega o facsímile de «Queixume dos pinos»

Redacción LA VOZ

CULTURA

Lois García, Xesús Alonso Montero e Xosé Ameixeiras, na presentación do facsímile na Academia
Lois García, Xesús Alonso Montero e Xosé Ameixeiras, na presentación do facsímile na Academia César Quian

A gran obra de Eduardo Pondal poderá adquirise co xornal deste sábado polo prezo de 1,95 euros

06 feb 2017 . Actualizado a las 13:40 h.

Este sábado fanse 130 anos da publicación de Queixume dos pinos, de Eduardo Pondal, que apareceu na Biblioteca Gallega creada por Juan Fernández Latorre, fundador de La Voz, e Andrés Martínez Salazar, presidente da Real Academia Galega á morte de Murguía. Onte este libro volveu reeditar os vínculos entre o xornal e a entidade, coa presentación na sede da Academia do facsímile do poemario de Pondal. Esta edición fidedigna de Queixumes dos pinos poderá adquirirse este sábado con La Voz, polo prezo de 1,95 euros mais o cupón no lombo do xornal. A edición faise en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso e o patrocinio de Gadis.

Na presentación participaron o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras; e o presidente da Fundación Pondal, Lois García. Alonso Montero lembrou a Biblioteca Gallega -«non había na cultura galega unha colección desta calidade, características e riqueza»- e gabou a calidade do facsímile, feito a partir dun exemplar da primeira edición que conserva a Academia e que pertenceu a Emilia Pardo Bazán, con dedicatoria do propio Pondal. Pola súa banda, Xosé Ameixeiras explicou que ademais da primeira edición de Queixumes dos pinos na Biblioteca Gallega, La Voz xa reeditara noutras dúas ocasións a magna obra de Pondal: en 1975, cando o galego aínda vivía «unha longa noite de marxinalidade», e de novo coa súa inclusión na Biblioteca 120, que levou centos de milleiros de exemplares de clásicos da literatura galega aos fogares. Lois García pechou a quenda de intervencións, asegurando que a obra de Pondal non pode ser máis actual, xa que «pon a Galicia ante o espello do seu reencontro».

Ademais, Miguel Anxo Mato recitou un dos poemas máis senlleiros da obra, Campanas de Anllóns. O acto contou tamén con música, a cargo da clarinetista Blanca Represas, para concluír coa súa interpretación do Himno Galego. Acudiron tamén familiares de Pondal e alumnos do instituto de Ponteceso que leva o nome do escritor.

Queixume dos pinos é un dos piares, xunto coas obras de Rosalía de Castro e Curros Enríquez, sobre os que se ergueu o Rexurdimento, o movemento que devolveu o uso literario ao galego, e sobre o que se alicerzaron as letras galegas do século XX.