Oliver Laxe: «A miña próxima película será sobre os incendios e a súa metafísica»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

O director, que onte recolleu o Premio Cidade de Ourense do OUFF, rodará en Galicia no verán

04 nov 2016 . Actualizado a las 09:58 h.

O OUFF entregou onte o Premio Cidade de Ourense ao realizador galego Oliver Laxe. Unha xornada, a do Festival de Cine Internacional de Ourense (que celebra a súa 21.ª edición), na que o director de Mimosas amosouse agradecido polo agasallo e pola nova etapa que emprende o certame.

-O OUFF salientou o seu universo creativo e o pulo que vostede lle dá ao cine galego no panorama internacional.

-Que te premien e que che recoñezan o traballo na túa casa é o máis que podes pedir. E como cando o guerreiro volve á casa para descansar e lle din que todo está ben; e, por riba, teñen un prato quente para ti.

-¿Dous premios en Cannes sitúan a súa obra como a referencia do cinema galego?

-Non sei, tómoo como un plus de responsabilidade. O noso traballo é moi serio: o de ser comunicador e servir á realidade da túa comunidade. Dende ese principio, a miña relación co meu traballo é esixente, obsesiva e apaixonada. Se un lle pon amor as cousas, os proxectos sempre saen ben.

-Tamén lle dá unha notable visibilidade ao sector.

-Dende hai dez anos cambiaron moito as cousas. Eu son un máis, non un caso illado. A miña é unha máis das sensibilidades galegas. Hai un movemento xeracional e somos unha caravana de cineastas que está a representar á cultura galega polo mundo [cita unha chea de nomes e logo pide que non figuren no papel por se esquece algún]. Algo está a pasar; temos menos complexos, máis seguridade, moita inspiración e estamos determinados a facer as nosas películas. Sen agardar por ninguén e sen lamentarnos.

-Refírese a Galicia como inspiración, pero os seu traballos premiados non se desenvolveron aquí.

-A cultura é unha mestura de identidades. E o meu cinema, pese a estar feito noutras latitudes e noutras linguas, é infinitamente galego. A miña identidade é esa e está aí, nos meus traballos.

-¿Traballa nalgún proxecto?

-Iso era o que ía dicir. Agora volvo a Galicia para rodar unha película no verán. Será un traballo sobre os incendios, enfrontándome a esa realidade a distintos niveis. Haberá varias dimensións e interésame máis a poética e a metafísica. Amosarlle ao espectador que é o propio lume o que decide existir. A través da figura dun pirómano quero que o espectador entenda que quen sofre é por que, á súa vez, está a sufrir. Esa é a premisa, a de analizar que é o amor en realidade.

-¿Os prazos e as localizacións están xa pechados?

-Vai ser unha película pequena, que farei con alumnos dunha universidade, e vou rodar na miña casa, nos Ancares. En realidade o que máis me apetece facer é un retrato no que se dignifique o ser humano. E indirectamente Galicia será retratada nesta película. Quero proxectar neste traballo todo o agarimo que teño pola miña terra.