O multiculturalismo, ferramenta para promover o galego nos centros de ensino

O sociolingüista bengalí Anik Nandi, coñecedor da situación da comunidade e do idioma, divulga experiencias de dinamización na India que poden ser válidas aquí

Anik Nandi, segundo pola dereita.
Anik Nandi, segundo pola dereita.

santiago / la voz

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou en Santiago o programa de dinamización lingüística O galego é un mundo: multiculturalismo e diversidade lingüística. Foi a primeira sesión deste ano para formar docentes de equipos de dinamización lingüística de centros de ensino. «Estas actividades tentan achegar novas ideas para que cumpran coa súa función. Nesta ocasión ten como novidade a presenza de Anik Nandi, un sociolingüista bengalí, bo coñecedor da situación da nosa comunidade e do noso idioma, que vai difundir experiencias que se realizan na India e que poden valer para aquí como novas liñas de traballo», explica Valentín García. 

Outras veces estas xornadas trataron asuntos sobre Rosalía de Castro, ou a gramática galega. «Nesta ocasión imos falar das linguas no mundo. Unha boa medida de apreciar para pór en valor o galego é saber que non estamos sos, que outras linguas como a nosa están na mesma situación, outras peor, e outras tamén mellor», afirma García. O importante, sinalou, é «que as novas xeracións saiban apreciar o valor da diversidade idiomática, á que Galicia contribúe co seu idioma propio».

«¿Que nos aporta o bengalí? Que a súa lingua está considerada minoritaria cando ten decenas de millóns de falantes. Na India é unha lingua como en España o galego. Coa diferenza de que ten tantos millóns de falantes como moitas consideradas maioritarias en Europa», acrecenta. 

Da India a Galicia

É por iso que as actividades de normalización lingüística da India, «salvando as distancias culturais, xeográficas, e outras, poden ter tamén interese para as aproveitarmos para mellorar a dinamización do galego», insiste o secretario xeral.

Anik Nandi hai anos que se interesou, e coñece ben o caso, polo galego. Estudou as proximidades, as afinidades e as diferenzas entre as situacións do galego, do bengalí e tamén doutras linguas: «Está estudando e investigando na Universidade de Edimburgo, en Escocia, os diferentes parámetros en que se transmiten a lingua ou as políticas lingüisticas para a xuventude e a infancia; e iso para nós é positivo, porque dá unha visión diferente desde a sociolingüística; ve o tema desde fóra. El é un especialista, e é moi didáctico, ten gran capacidade de aproximación, de achegamento ao alumnado».

E coa vantaxe de que se expresa en galego. O investigador Armando Requeixo afirma que «causou tan bo impacto no presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que en vez de bengalí di que é un bengalego». 

Presenza en doce institutos

Anik Nandi participou na xornada formativa de onte. E vai ser aproveitada a súa presenza para que explique nos centros o bo que é coñecer moitas linguas como no seu caso, pois el fala bengalí e outros idiomas autóctonos da India, alén de inglés, castelán ou galego.

A idea é que Anik Nandi, a partir da próxima semana, visite doce institutos de secundaria nesta primeira fase do programa. Serán o Félix Muriel de Rianxo, San Clemente de Compostela, o de Carral, Manuel Murguía de Arteixo, Aquis Celenis de Caldas de Reis, Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, Carlos Casares de Vigo, Chano Piñeiro de Forcarei, Taboada Chivite de Verín, Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, Plurilingüe Navia de Suarna, e Dionisio Gamallo de Ribadeo.

Un obxectivo destas sesións é que saliente a utilidade das linguas, para convencer as persoas para que as usen. «Temos que eliminar ese sambenito que tivo sempre o noso idioma, de que o galego do Padornelo para alá non serve. Porque non é así. Hai dous indicadores que favorecen especialmente a nosa lingua. O primeiro é a chamada Lusofonía, os países de fala portuguesa: o galego pon en contacto con esa lingua, a máis falada do hemisferio sur do planeta. A Lusofonía supón unha oportunidade de internacionalización tremenda, como o evidencian na práctica empresas galegas que fan negocios en Brasil ou en Angola, con naturalidade e sen necesidade de intérpretes», salienta o secretario xeral. Outras comunidades de España non poden aproveitar unha vantaxe así.

O segundo indicador, esclarece, «é saber que cantas máis linguas se falen, máis se gaña, iso favorece unha maior riqueza. Hai que divulgar a relación que está a ter o galego coas linguas do mundo, e o interese que se nota na comunidade internacional, que asocia a lingua á marca Galicia, ao Camiño de Santiago, ou ao feito de ser unha lingua románica antiga. Todos eses son factores que están a aproximar estudosos internacionais, como este sociolingüista bengalí que agora nos visita, á nosa realidade; e debemos saber aproveitar iso», defende Valentín García. 

Dous e máis idiomas

O secretario xeral esclareceu que o monolingüismo non é unha norma da que se sae a comunidade galega por ter dous idiomas: antes polo contrario «entre a metade e dous terzos da poboación mundial fala máis dunha lingua», dixo. E este novo programa de dinamización para o ensino pretende tamén «erradicar os prexuízos existentes a respecto do galego», reiterou.

Na xornada formativa de onte participaron docentes chegados desde diversos centros de ensino do país. Outras intervencións foron de Manuel Núñez Singala, do Servizo de Normalización Lingüística da USC, quen falou sobre O papel da sociedade na modificación das condutas lingüísticas. E Xurxo Salgado, de Galicia confidencial, quen centrou a súa exposición no tema Visibilización dos programas de multiculturalidade nos medios: repercusións na sociedade global.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

O multiculturalismo, ferramenta para promover o galego nos centros de ensino