Máis de mil autores ven atacados os seus dereitos ou sofren persecución

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL VILLAR

O Pen reflexiona sobre a dramática situación internacional da liberdade de expresión

28 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Pen Internacional ten documentados máis dun milleiro de casos de escritores, xornalistas, blogueiros e outros autores en todo o mundo que sofren privación dos seus dereitos, represións, cárcere ou outro tipo de violacións da súa liberdade de expresión. O dato estarrecedor foi posto enriba da mesa onte na presentación da exposición Libertas, no marco do 82.º Congreso Pen Internacional.

O proxecto desenvolvido por Olegario Sampedro, que poderá verse durante toda esta semana no Centro Cultural Marcos Valcárcel, está formado por deseños «artístico-fotográficos» e parte de sete autores que foron vítimas de represión ou ataques contra a súa liberdade de expresión -nalgúns como no da mexicana Susana Chávez mesmo ata as últimas consecuencias: apareceu violada e descuartizada por denunciar a violencia contra as mulleres na zona de Ciudad Juárez-. O apartado adicado a cada creador mestura a imaxe ou a instalación artística cunha semblanza escrita para Libertas e as figuras elixidas son Ángel Cuadra (Cuba), Liu Xiaobo (China), Xosé Luís Méndez Ferrín (Galicia), Jude Dibia (Nigeria), Susana Chávez (México), Federico García Lorca (España) e Orhan Pamuk (Turquía). Os textos sobre os protagonistas da mostra aberta ao público en Ourense son, respectivamente, de Eme Cartea, Inma López Silva, Bieito Iglesias, Margarita Ledo Andión, Paco Lobatón, Laura García Lorca e Manuel Rivas.

Aumenta a intolerancia

Na súa proposta artística, Olegario Sampedro incorpora elementos como as imaxes de natureza creadas a partir do poemario Con pólvora e magnolias, de Ferrín, fotografías viradas sobre té en tarros de cristal, rostros de mulleres impresos sobre anacos de madeira, un álbum fotográfico inglés do século XIX ou un tríptico en homenaxe ao poeta granadino que foi descuberto para a ocasión pola súa sobriña Laura García Lorca.

No seu texto para a mostra, e no acto de inauguración da mesma, a presidenta do Pen Internacional, Jennifer Clement, gabou a iniciativa creada para a cita ourensá e incidiu na oportunidade da mesma por lembrar «que a literatura, o xornalismo e a liberdade de expresión non poden ser separados». A escritora mexicana recoñeceu como ao voltar a mirada sobre o mapa do mundo ve «como os riscos para a liberdade de expresión e o aumento da intolerancia por parte tanto de axentes estatais como non estatais ameazan a moitos. Como consecuencia, a autocensura crece tamén por culpa do medo. O respecto pola opinión dos demais é crucial nun mundo no que a xente é encarcerada, silenciada e asasinada por diferenzas de opinión, políticas ou crenzas relixiosas -ou simplemente por dicir a verdade-. E a verdade non pode ser coñecida nin examinada sen liberdade de expresión, polo que, como se dunha ecuación se tratase, a liberdade de expresión é tamén coñecemento e memoria».

Respecto para García Lorca

Logo da inauguración Laura García Lorca agradeceu a sensibilidade do Pen para coa memoria do poeta. Para a súa sobriña, a figura do autor xoga un papel fundamental na iniciativa porque representa e simboliza moitas das liberdades que pouco a pouco se van conseguindo «e, desgraciadamente, non en todo o mundo».

Ao ser preguntada pola nova campaña de escavación para tentar atopar os restos do poeta, Laura García Lorca sinalou que a familia non comparte nin apoia a iniciativa: «Vai ser a terceira escavación e non ten lexitimidade algunha. E máis cando a persoa que a está promovendo é da teoría que as cuestións do asasinato eran familiares, ou non familiares, de lindes de terras. O cal me parece moi grave, o de quitar o peso do asasinato a un motivo político, que foi sen dúbida o principal. A familia, xa o dixemos moitas veces, cre que ese lugar é un cemiterio e se hai alguén que quere buscar os restos dos seus familiares por suposto que o debe facer. É un dereito fundamental, que comprendemos e por iso non nos opoñemos. Nós non buscamos os restos de García Lorca; é máis, consideramos que o feito de que estean mesturados coas demais vítimas da represión franquista é moito máis simbólico que separalos e distinguilos. Tamén queremos aforrar á súa memoria a exhibición que se ía dar se os atopan».