O CDG revisa a impostura de «Tartufo»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

Estrea o venres no Salón Teatro compostelán a comedia clásica de Molière, a primeira produción propia da compañía pública dende a chegada de Fefa Noia á dirección

21 sep 2016 . Actualizado a las 17:42 h.

A tres días da estrea, o traballo arredor de Tartufo, o novo espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), intensifícase. No Salón Teatro de Santiago a actividade non se detén. Máis de doce horas diarias, das dez da mañá ata a media noite, para ultimar a posta a punto da montaxe antes de que se levante o pano o venres ás 21 horas. Pola mañá é o momento das probas técnicas, de afinar a iluminación e o son; e, pola tarde, chegan os derradeiros ensaios do elenco artístico, xa coa escenografía completa e co vestiario. Toca representar os cinco actos seguidos. O director Carles Alfaro non interrompe. «Las consideraciones llegan ya al final», explica este valenciano que asegura que non tivo dúbidas cando a directora do CDG, Fefa Noia, o chamou para que dirixira a peza. 

Con Tartufo, o CDG abre, precisamente, a etapa de Fefa Noia ao fronte do CDG, que apostou por un clásico para o seu primeiro espectáculo. Trátase dunha adaptación da obra de Molière, aínda que mantendo gran parte da súa orixinalidade. «Al ser un clásico, tiene la garantía de que es un texto que ha sobrevivido al tiempo. Si es un clásico es porque nos sigue diciendo algo», corrobora o director, que lembra que esta peza teatral fala da impostura, da manipulación e do artificio, algo que continúa moi presente na sociedade actual. Iso non quere dicir que a peza escrita no século XVII polo autor francés non precise axuste ningún. De primeiras, esta adaptación non terá a mesma resolución. «Hoy podemos darle un final más deseado por el propio autor. En el original, en una página, el rey resuelve en un plis plas toda una entelequia que impide que Tartufo triunfe, pero yo creo que los Tartufos triunfan, desgraciadamente», apunta o director lembrando que se trata tamén da historia dun desafiuzamento. 

Ademais, hai algúns matices nos personaxes, acentuando algúns dos seus trazos, mentres outros quedarán nun segundo plano. No elenco de actores desta comedia haberá máis personaxes femininas que na súa concepción orixinal.

¿Como quere que se recorde este Tartufo? O director teno claro. «He intentado hacer una dirección de actores, es lo único que me interesa. Para este Tartufo no he escogido el camino más fácil, sino que he intentado personalizar al máximo los actores con sus personajes, invitar al espectador a que tome partido», afirma Alfaro. 

Dez actores

Os ensaios para os dez actores protagonistas desta comedia, que nestes días están reforzándose, empezaron o 1 de agosto. Dende entón, sucedéronse durante máis de seis horas ao día de luns a sábado. Só había descanso os domingos. Dialecticamente, a obra non é fácil, asegura Carles Alfaro -que conta coa galega Vanesa Sotelo como axudante de dirección- para explicar estas oito semanas de traballo. Hoxe e mañá xa tocará o ensaio xeneral e os cambios que se poidan introducir xa serán pequenos matices. Todo está medido. Os actores Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero, Alejandro Saá e Patricia Torres meteranse definitivamente nas peles de Tartufo (Saá) e nos diferentes personaxes ligados á familia de Orgón (Cambeiro).

Este grupo de actores, que foi elixido entre 230 candidatos que se presentaron ás probas para formar parte desta nova produción da compañía teatral galega pública, non abandonarán estas creacións ata finais de ano. O espectáculo contará cunha función diaria (agás os luns) no Salón Teatro de Santiago ata o 16 de outubro, algúns dos pases dirixidos a escolares. Posteriormente, iniciará unha xira por diferentes cidades e localidades galegas ata finais de ano. As entradas xa se atopan á venda. O reto do espectáculo do CDG é claro: non deixar indiferente ao público. «Habla de algo que nos debería dar un poquito de miedo, porque los Tartufos están ahí y muy bien ocultos», advirte Alfaro.