Fernández-Cid, Queizán, Sarabela Teatro e Zumalave, entre os premios da Cultura Galega

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL VILLAR

O xurado, que se reuniu onte no Museo Centro Gaiás, valorou entre as máis de 40 candidaturas que se presentaron este ano aos premios convocados pola Consellería de Cultura

20 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora María Xosé Queizán (letras), o crítico de arte e director da Fundación Torrente Ballester Miguel Fernández-Cid (artes plásticas), a compañía teatral Sarabela (artes escénicas), o director e pianista Maximino Zumalave (música), a cooperativa e sala de cinema Numax (audiovisual), a Irmandade Xurídica Galega (lingua), o Museo de Pontevedra (patrimonio cultural) e a directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo, Elena Zernova (proxección exterior), son os oito galardoados nas diferentes modalidades dos Premios da Cultura Galega 2016.

O xurado, que se reuniu onte no Museo Centro Gaiás, valorou entre as máis de 40 candidaturas que se presentaron este ano aos premios convocados pola Consellería de Cultura, que teñen a finalidade de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos. Os galardoados recibirán unha escultura do artista Manolo Paz. 

Importantes achegas

Todos os premiados teñen unha ampla traxectoria. O xurado tivo en conta o labor en diferentes estilos e xéneros da escritora María Xosé Queizán, que abrangue dende a narrativa á poesía ou o ensaio. Sarabela Teatro, pola súa banda, é a compañía galega que acadou máis premios María Casares. A cooperativa Numax é a primeira sala de cinema galega integrada na Rede de Exhibición Europa Cinemas. No caso de Miguel Fernández-Cid sobresae o seu traballo na promoción da cultura plástica galega, e, no da Irmandade Xurídica Galega, a súa contribución a un maior uso do galego na xustiza.

Pola súa banda, o director Maximino Zumalave presenta un amplo currículo como fundador de varias formacións, entre elas a Real Filharmonía. No caso do Museo de Pontevedra, o galardón, entre outros aspectos, recoñece o seu labor de investigación centrado nos seus importantes fondos. Por último, Elena Zernova dirixe un dos centros de referencia no ámbito internacional na tradución ao galego, o Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo.