O libro das festas de Vilalba inclúe un texto inédito de Agustín Fernández Paz

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

CULTURA

ARCHIVO IESCHA

O escritor, falecido o pasado xullo, lembra nunha colaboración os anos da súa nenez

25 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As festas de Vilalba -as de San Ramón e Santa María, que xa están a vivir as súas vésperas- teñen este ano case dous pregóns. Pode considerarse sorprendente esa cuestión, aínda que se debe máis a tristes circunstancias ca a unha orixinal decisión da comisión organizadora. O pregón do San Ramón 2016 hase pronunciar o vindeiro día 30, como adoita ocorrer: desa tarefa ocuparase Alejandro Criado, doutor en Química e investigador.

Porén, hai tamén un pregón que xa non se pode pronunciar ao xeito oficial -no Auditorio Municipal, con presenza de autoridades locais, das raíñas e das damas das festas e de veciños-, pero que non deixa de ser o texto co que o seu autor debera ter decretado o comezo dun San Ramón. O escritor Agustín Fernández Paz, nado na capital chairega en 1947 e falecido en Vigo o mes pasado, mandou para o libro das festas un texto inédito no que volve percorrer a Vilalba da súa nenez.

«Días longamente agardados»

Para quen eran nenos nos anos cincuenta do século pasado, escribe, as festas «gardaban a ilusión duns días longamente agardados». Neses anos, como chegou a descubrir, vivía en dúas patrias: por unha banda, como expresou Rilke, a da nenez; por outra, seguindo a Pessoa, a da lingua. «No meu caso ambas as dúas únense nun só nome: As Fontiñas, o barrio de Vilalba onde nacín, un barrio daquela con fronteiras ben definidas», escribe.

A zona mudou dende que Agustín. Por exemplo, era un neno de oito anos a quen seu pai, músico nunha das orquestras da vila, o levou a Foz para que vise o mar por primeira vez. «Falo doutros tempos e doutra Vilalba que vive só na miña memoria. Cada vez que percorro os espazos da vila vexo ao mesmo tempo, como cando superpoñemos dúas láminas transparentes, a Vilalba dos anos da infancia», recoñece.

Eran, xaora, outros tempos: o pan amasábase nas casas e despois levábase cocer; os tebeos cumprían a función que anos despois había ter a televisión; o neno Agustín e os outros do seu barrio facían una fogueira pola noite de San Xoán, e os postres dos xantares do San Ramón -as roscas, o roscón, o brazo de xitano...- preparábanse nos días anteriores á festa...

A lingua como agasallo

O neno medrou, pero non esqueceu. «Lembranzas coma estas -escribe no texto- foron facendo de min a persoa que son. E, canda elas, o agasallo maior que me fixo esta vila: a lingua na que falo e soño, a lingua na que escribo todos os meus libros».

Lembra que sendo neno, na súa cama, unha colcha que súa nai fixera con retallos de distintas teas e cores servíalle para imaxinar a súa superficie como un continente de moitos países. «Anos despois descubrín que o mundo é coma a colcha da miña cama de neno: un inmenso mosaico de países e culturas [...] Nesa colcha que é o mundo, eu pertenzo ao anaco que se chama Galicia».

A pertenza a ese mundo ten a raíz e orixe en Vilalba, onde non só coñeceu a lingua senón tamén a riqueza que supón. O sentimento é de gratitude e asemade de esperanza: «[...] desexo intensamente que os nenos e nenas da vila, e os da Galicia enteira, poidan tamén expresar un agradecemento semellante cando sexan grandes, Así será se somos conscientes da riqueza que posuímos...».

Por outra banda, a pertenza do escritor a Vilalba faise tamén patente estes días doutra maneira. O Instituto de Estudos Chairegos dedícalle un panel nunha exposición de fotos antigas, Tal como eramos, que se inaugura mañá e na que Fernández Paz aparece en imaxes da nenez e da mocidade.