Recapitulando

Blanca Riestra

CULTURA

Abraldes

Viséximo segundo capítulo da novela por entregas «Noire Compostela», de Blanca Riestra

22 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O despacho do Touriñán estaba tapizado coas fotos dos rapaces mortos. Paco, o informático, recollido sobre o sofá de escai, tiña os pés sobre a mesa e ollaba para el con aprehensión. A novidade era a presenza da comisaria Abelenda, unha muller pequeniña, con moitos fillos e, polo mesmo, moi resolutiva. Tiña présa.

Touriñán avanzou entre as fotos dos escasos indicios e recapitulou:

-Benvidos. Temos, entón, un par de rapaces que non van a clase, que se pasan o día online, falando entre eles ou xogando a xogos de rol ou falando cuns mendas de Morelia ou de Teruel e descargando vídeos de Extremoduro.

Paco adicoulle unha ollada asasina. Pensaba que o seu grao de cretinismo non tiña solución.

Touriñán proseguiu:

-O primeiro dos rapaces anda alardeando por aí adiante de que pasea pola deep web, ou a web profunda ou como sexa que se chame, e que nas súas simas vense unhas barbaridades que pa que.

-Ei, e pode que entrase, non esteas tan seguro -corrixiu Paco.

-Si, pero diso non temos proba ningunha. Porque aparentemente os dous tiñan descargado o navegador TOR.

-Iso é. Non sei se sabedes, pero dígovolo porque é cultura xeral, que o TOR, o ONION ROUTER, propón o uso do encamiñamento de cebola, de forma que as mensaxes viaxan protexidas dende a orixe ao destino a través dunha serie de routers especiais chamados «routers de cebola» .

-E logo?

-O que quero dicir é que é imposible rastrear as navegacións realizadas polos usuarios de TOR porque utilizan un percorrido encriptado.

Touriñán teimou:

-Aínda que din que non é un sistema infalible.

-Eu tampouco o son. Infalible. Francamente, non puiden sacar nada en limpo.

-Ben, así estamos. Supoñemos, entón, que os dous rapaces tiñan acceso á web profunda e que alí, como suxeriu o amigo aquí presente, farían algún tipo de transacción proveitosa.

-Iso, de seguro. A deep web é un zoco.

-Que tipo de transacción? -interveu a comisaria.

-Compravenda dalgún tipo de mercadoría. Aínda que nos seus ordenadores non atopamos cousa algunha. Bueno, si, minto, algún filme de Bruce Lee, un concerto de Extremoduro e un par de pelis porno made in Galicia con actores disfrazados de curas e de monxas. Nada do outro mundo.

-Eu teño un amigo que traballa nos filmes eses. Se queredes, podo chamalo para ver que conta. Teñen o estudo preto de Hortas -ofreceu Paco.

-Non vos vaiades polos cerros de Úbeda, centrémonos -mandou a Comisaria.

-A cuestión é que non temos proba ningunha desas transaccións. Aínda que si que é verdade que Xurxo fixo nos tres últimos meses tres ingresos de dez mil euros na súa conta de Caixa Nova. Non son para tirar foguetes, pero o rapaz non tiña laburo algún recoñecido, como diría o tango. Alí seguen, mortos de risa.

-Hai que pensar que non tiña apenas gastos. Os pais pagábanlle a pensión.

-Seica, dun tempo esta parte, vivía de galletas e de zumos. Estaba gordo e desnutrido.

Paco sentiuse insultado e puxo mala cara.

-Pois, recapitulemos. Dicía entón que atopamos ao primeiro destes rapaces machucado polo tren e espido. O elemento da nudez resulta cando menos preocupante. Lembren que era de mañá, que chuviñaba e que facía frío. Parece que puidese ter habido intervención externa.

-Atopouse a roupa?

-Non, nin pista ningunha.

-Continúa.

Touriñán retomou ar:

-E logo tocoulle ao segundo, un par de semanas despois. Saltou pola ventá do seu décimo piso en Fontiñas. A posibilidade de suicidio semella neste caso máis plausible.

-Ou quizais escapaba de alguén, alguén máis arrepiante que a posibilidade de esnafrarse contra o patio.

-Pode ser.

RESUMO

Touriñán recibe a visita do cóengo da catedral. Xosé Manuel Alfaiate vén a lle falar dos sucesos lutuosos dos oitenta en Compostela. Segundo el, foron aqueles tempos de hedonismo descontrolado, de heroína, de profundo relativismo moral. Lémbralle que, no ensanche por exemplo, proliferaron os solares baldeiros, onde se facían fogueiras e se xogaban xogos perigosos. As xentes, moitas, vivían coma animais neses locais baldeiros, facían o que querían, afanaban, fornicaban, mataban.