No zurrón do mundo

Blanca Riestra

CULTURA

Décimo oitavo capítulo da novela por entregas «Noire Compostela» de Blanca Riestra

18 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Avanzou pola Senra, logo por Doutor Teixeiro, ata chegar á Praza Roxa. Camiñou e camiñou, sen pensar, ata onde os pés o levaron, e atopouse, por efecto da casualidade ou do destino, diante da casa da rapaza, preto do periférico, onde a cidade perdía o seu santo nome. Pasaran cousas feas naquel barrio, hai anos, dicían, pero os edificios xa non eran os mesmos e, en verdade, historias horríbeis hainas en calquera parte.

Na comisaría non consideraran pertinente facer un rexistro, ou máis ben, el mesmo pensara que era mellor deixar tranquilo o que sexa que houbese na vivenda, coma quen di. Non sabía moi ben o que dicía. O único evidente é que tiña unha intensa pulsión protectora cara á rapaza. E, no fondo, non estaba contravindo regra ningunha: en verdade, non había indicios que a relacionasen coas mortes.

Lembrou as palabras dalgúns compañeiros do Tolo. Un lle dixera:

-Esa non é unha casa, é un santuario. O Tolo cagábase pola perneira cando pensaba en facerlle unha visita á amiga.

E outro precisara:

-Non polo que houbese alí dentro, máis ben polo que non había.

-Non entendo. Dáballes medo unha casa baldeira. Por que?

-Non sei máis nada. Dicían que a casa era vibrante, sinistra. O Tolo non quixo entrar nunca. Xurxo en cambio quedou a durmir ás veces.

E Touriñán interesábase:

-Ás veces, si?

-Bueno, cando estiveron de mozos, sabe?

-Entendo.

-Pero teño ouvido que alí pasaban cousas estrañas, que metían medo, cousas extremas.

Touriñán trataba entón de centrar o tema:

-Ben está sabelo. Pero o máis importante é saber en que andaban metidos os teus colegas. E, sobre todo, con que demos comerciaban?

-Iso non lle sei dicir. Eles nunca contaban.

E Touriñán insistía:

-Que estaban a planear? Tiñan detrás ideas políticas?

E o outro respondía fuxidío:

-Non tal. Vivían nun mundo aparte, un mundo mil veces máis palpitante que o voso mundo analóxico. A rede é o verdadeiro mundo, todo está dentro, dicía Xurxo. É o zurrón do prestidixitador. Dalí sae todo.

-Non te lembras de máis nada? De detalle ningún?

-Seica o Xurxo andaba como louco pola rapaza, as cousas torcéranse. Tanto que estaba para matala. Ninguén mo dixo, pero para min que estaba para matala. E o Tolo non ía moi contento con esa teima súa. Dicía que estaba a perder a razón. As mulleres, sempre estragando as cousas, dicía. Logo pasou o que pasou.

A rúa estaba deserta. Touriñán pensou na rapaza, que estaría a durmir naqueles intres. Eran xa as tres da mañá. Ollou para arriba, nunha ventá estaba apoiado un home vello que axiña pechou os vidros e marchou. As luces dos outros pisos estaban apagadas, aínda que lle pareceu que, no segundo, unhas cortins revoaban, movíanse.

A casa non estaba situada exactamente no epicentro da rúa, mais un pouco ao lonxe. Touriñán sentou nun portal, non había ninguén. Na distancia, viu unha parella que se bicaba nun coche. Chuviñaba. Logo pasou un bébedo a tombos. Un gato manchado fuxiu para detrás dun contedor desbordante.

Tivo a tentación de volver a casa e deitarse. Que facía alí? Estaba a se tomar o caso de xeito demasiado persoal. E aquilo non era bo. Era ben raro. Dun tempo a esta parte, tiña a anómala impresión de levar no peito un burato que non se ateigaba con nada. Era o anhelo contrariado dunha paisaxe perdida. Andaba, coma unha pantasma, a pasear polo mundo a súa necesidade, a súa querenza de algo inexistente. A querenza era a súa compaña fiel. Levábaa colgada ás costas todo o día coma un paspán. Aquela melancolía sólida e pesante.

Ollou para arriba, morriñento.

RESUMO

Touriñán dálle ao play. Está deitado na cama do hotel onde vive, en calzóns. Paco prestáralle un reprodutor de VHS moi velliño pero que funciona coma unha seda. No minuto 45, unha rapaza, semellante a Dafne, quítase a camiseta longa de tirantes e a braga, que é un pantalonciño curto, e queda espida. Os outros, na gravación, rin. El imaxina que todos estarán vestidos menos ela. Pero non chega a ver a ninguén. Con todo, a súa nudez non lle resulta obscena senón fermosa.