Rescatando a Cervantes das fauces de don Quixote

Siro López

CULTURA

Unha das ilustracións de Miguelanxo Prado
Unha das ilustracións de Miguelanxo Prado

O humorista gráfico Siro López enxalza a mostra de Prado e Rubín sobre o creador do enxeñoso hidalgo

16 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado día 5 inaugurouse no pazo de María Pita, na Coruña, a exposición Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas, da que son autores, artisticamente, os debuxantes Miguelanxo Prado e David Rubín; e Acción Cultural, I con I e o Instituto Cervantes como promotores da idea. Das excelencias artísticas dos ilustradores e do acerto na montaxe habería moito que dicir, pero coido que o maior dos acertos foi presentar un Cervantes sen o Quixote, como explicou na presentación Sabela Mendoza, comisaria da mostra.

Porque non é que o personaxe devorase ao autor, como ocorre en tantas creacións literarias, senón que durante moito tempo os comentaristas españois do Quixote subestimaron a Cervantes e creron que lle soara a frauta por casualidade ao crear unha obra absolutamente anovadora na literatura universal, deixándose levar por un talento natural, que lle recoñecían, pero non como consecuencia da formación literaria, que lle negaban. Xa Ortega -que tampouco estaba libre de pecado- invitaba en 1914 aos lectores de Meditaciones del Quijote a reparar na figura de Cervantes, protagonista do verdadeiro quixotismo, e cun chisco de autocrítica dicía que Cervantes «aguarda, repartiendo en derredor melancólicas miradas, a que le nazca un nieto capaz de entenderle».

O neto esperado por Cervantes, o que puxo cordura na crítica literaria do Quixote e na percepción da valía de Cervantes foi Américo Castro, ao publicar en 1925 o ensaio El pensamiento de Cervantes. Con citas textuais, recordou que Menéndez Pelayo consideraba a Cervantes un «ingenio lego»; que Valera di das súas máximas sobre política, moral e poesía que «nunca traspasaron los límites del vulgar aunque recto juicio»; que Unamuno o infravaloraba: «¿No hemos de tener nosotros por el milagro mayor de don Quijote el que hubiese hecho escribir la historia de su vida a un hombre que, como Cervantes, mostró en sus demás trabajos la endeblez de su ingenio...».

Pero non foron só o positivismo do século XIX, as normas neoclásicas de comezos do XX e a identificación de don Quixote coa España que debería repoñerse do desastre colonial quen impediron valorar atinadamente a Cervantes; tamén a ideoloxía política condicionou posteriormente a súa percepción, e días despois de rematar a Guerra Civil española o cervantista Manuel de Montoliú publicaba en La Prensa de Buenos Aires un artigo titulado En busca del poeta nacional de España, no que di que o poeta nacional de España é Lope de Vega, porque o de Lope «es un teatro de caballeros, hecho para caballeros». Cervantes, en troques, aínda que, «en su obra nos pinta también hombres de alto linaje, [...] deja ver constantemente su predilección por los desheredados y menesterosos».

O escritor da modernidade

Aínda hoxe, cando Cervantes é recoñecido como o escritor que trouxo a modernidade ás letras españolas, soe dárselle a don Quixote o protagonismo que, en boa lóxica, a el lle corresponde. Proba disto son as moedas conmemorativas do cuarto centenario da edición da primeira parte do Quixote, nas que nunha cara aparece don Quixote entre libros, e na outra os reis de España. Certo que non se coñece a fisionomía de Cervantes porque os dous retratos que se lle atribúen non son tal. O máis coñecido é unha falsificación feita no XIX por José Albiol, e o outro é de Diego Mesía de Ovando, conde de Uceda; pero tampouco o don Quixote que veñen representando os ilustradores nos últimos cento cincuenta anos se axusta á descrición de Cervantes. Despois de Daumier e Doré, don Quixote leva o pelo curto, e na novela teno moi longo.

Son, pois, moitas as razóns polas que a mostra Miguel EN Cervantes. El retablo de las maravillas arrequece o salón de cómic Viñetas desde o Atlántico nesta edición de 2016.