Matou a «deep web»?

Blanca Riestra

CULTURA

Décimo terceiro capítulo da novela por entregas «Noire compostela» de Blanca Riestra

13 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No interior enmoquetado do Maycar, Touriñán e Paco discutían. Eran as cinco da mañá. Ao seu carón, na barra, unha rapaza moi noviña e un tipo moi feo intimaban.

Paco apremoulle:

-Quen che manda mirar, non mires. Coñezo ao tipo.

-Éche arrepiante, ten cartos?

-Terá. É un mandamáis da hostalaría, moito negocio turbio. Din que tráfico de brancas, aínda que non se puido nunca probar nada. Ten moitos locais, todos clean, pero parece que hai máis cousas por aí: liñas quentes, etc. Tratamos de pillalo por delito informático pero nin con esas. É un listo.

-Coa hostalaría topamos, abofé. Non se fale máis.

Touriñán rematou a cervexa e pediu outra. Unha ansiedade picante invadíao.

-Entón en que quedamos? Foi a deep web a que matou ao rapaz?

Paco mirou a Touriñán coma se Touriñán fose un neno parvo e tivese que facer un grande esforzo pedagóxico para se facer entender.

-Non, rotundamente non. Nin sequera sabemos se os rapaciños entraran na web profunda. Andaron artellando e tiñan unha banda de descerebrados que, ao meu parecer, nin sequera eran simpáticos, unha banda de cretinos máis ben mórbida.

-Onde quedou o punkismo, meu fillo, o vandalismo? Iso ao menos era divertido -terzou Touriñán. Montar un grupo, cuspir nos concertos, desvalixar á terceira idade.

-Traficaban con cintas de vídeo que non sei onde visionaban, e con outros elementos que non son quen de entender.

-Atopáronlle todo un zurrón con coitelos de matanza embaixo do catre do finado. Mira ti que inofensivo.

Paco quedou a cadros o fitou para Touriñán.

-O seu amigo, ese tipo, ao que din o Tolo, non sabía nada.

-Que che ía dicir.

Alguén subiu o volume da música, algún éxito de Lady Gaga, e Touriñán non puido escoitar ó seu colega. Paco falaba e xesticulaba, Touriñán só deu ouvido algo sobre a rapaza e o tempo.

-Que dis?

-Tes que miralo, é incríbel. Non ocorre nada. Ela está aí e fala e non di nada. Pero?

-Non creo que ela tivese nada que ver. Por que tería algo que ver? Aínda estatisticamente é improbábel.

-Eu só che digo que a mires. É una gravación que non é posíbel, entendes. Absolutamente tinguida de imposibilidade.

-Non marees, seguro que te enganaches.

-Se tantas dúbidas tes, volvemos agora á comisaría e fago que a mires.

Pero entón, o Maycar empezou a rebulir: entrou unha remesa de estudantes desaliñados, e o tipo de ollada triste deu en berrarlle o encargado polo contido dunha copa. Berraba coma un condenado, a pesar do seu aparente desconsolo. Touriñán pensou que seguramente tiña razón, coñecía ben as resacas do cubalibre do ensanche. Pero alegrouse moito de non ser o obxecto dos seus berros.

Daquela, a rapaza nova, que ata entón estivera aducida polos melindres do hostaleiro, volveuse ata eles, e Touriñán viu que os miraba. Parecía unha meniña, recordoulle á súa irmá Sofía, que aínda estaba na secundaria, e Touriñán viu que os miraba e que tiña medo, un medo espido e desgarrado. Touriñán, que non posuía o don da sutileza, fixo ademán de acercarse. Paco, que coñecía o percal, colleuno polo ombro.

-Ti ocúpate de revisar o que che digo, ho. Logo se queres, fala có Tolo e déixate de lerias.

Estiveron dez minutos calados, Touriñán non sabía que dicir, estaba desgustado e irritábel. Trataba de escoitar a conversación dos veciños. Quería captar algo, calquera cousa que lle permitise intervir sen quedar por un louco. Pero non escoitaba ren e a escuridade escamoteáballe a face da rapaza.

E de súpeto, cando ollou para eles, xa non estaban. Quedou decepcionado e taciturno.

RESUMO

Logo dunha longa xornada de traballo, o inspector Touriñán e Paco, o excéntrico especialista en delitos informáticos, deciden airear o caletre. O único bar aberto en Compostela a tales horas resulta ser o Maycar. Alí, Touriñán interroga ao seu colega sobre os camiños para penetrar na web profunda. Ao seu carón unha parella misteriosa olla para eles: o tipo ten mirada acerba, a mociña é moi nova e parece a contragusto.