Os Beatles soarán en galego en Liverpool con The Funkles

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

O quinteto compostelán ofrecerá catro concertos do 26 ao 28 de agosto no festival internacional Beatleweek

12 ago 2016 . Actualizado a las 09:44 h.

A súa paixón polos Beatles xuntounos no pasado outubro. Dez meses despois participarán en Liverpool no festival internacional Beatleweek, o certame máis importante do mundo dedicado á mítica banda británica. Son o quinteto compostelá The Funkles, que ademais interpretará tres temas en galego durante os catro concertos que ofrecerá entre os días 26 e 27 deste mes. «Queremos poñer en valor a lingua», asegurou a vocalista do grupo, Carolina Rubirosa. A formación actuará, entre outros escenarios, en The Cavern, onde a banda formada por John Lennon, Paul McCartney, George Harrison e Ringo Starr deu os seus primeiros pasos. Alí soarán en lingua galega Viaxeiro de día (Day Tripper); Lady Madonna e Síntome tan ben (I Feel Fine), as cancións que traduciron, aínda que non descartan interpretar algunha máis durante os 45 minutos de cada recital.  

Con The Funkles será a primeira vez que soen na Beatleweek os temas da mítica banda na lingua de Rosalía de Castro, segundo destacaron dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística. «Temos que buscar sitios diferentes onde proxectarnos e atraer milleiros de focos», asegurou o seu responsable, Valentín García, quen engadiu que «é todo un orgullo» que un grupo galego chegue a actuar neste importante festival, que nesta edición contará con máis de 70 formacións.

O quinteto integrado por Carolina Rubirosa, Ana Lucía Fernández, Iria Iglesias, Laura Solla e Carlos Arévalo quere render tributo aos Beatles desde o funk. A súa presenza neste festival en Liverpool comezou a xestarse a través dunha irmá de John Lennon, Julia Baird. «Escoitou a nosa proposta e animounos a participar. Díxonos que a enviaramos polas canles oficiais e gustoulles porque é algo diferente: o repertorio beatle en clave de funk, con ritmos bailables», detallou a cantante. A iso engádeselle que son mulleres -coa excepción do batería- as integrantes, cando o habitual é que participen grupos formados por homes.  

Toda esta viaxe e a presenza da banda galega en Liverpool, dende a súa saída ata os concertos, e os diferentes encontros que manteñan na cidade británica -entre eles, coa irmá de John Lennon-, serán gravados. Con ese material farase posteriormente un documental.

The Funkles, ademais da súa música, levará a Liverpool material promocional e produtos galegos, xa que ademais do apoio da Consellería de Cultura, contan co de Galicia Calidade.