«Memorias dun neno labrego» tamén será traducido ao xaponés

iván g. calaza, x. m. p. LUGO / LA VOZ

CULTURA

SUSO PENA

O autor do traballo visitou onte o festival de Pardiñas, en Guitiriz

08 ago 2016 . Actualizado a las 10:18 h.

A obra máis vendida da literatura galega de todos os tempos está camiño de ser traducida tamén ao xaponés. O asunto xa vén de lonxe, de cando o antropólogo nipón Tadashi Yamamoto atopou a Xosé Neira Vilas no festival de Pardiñas no ano 2011. Alí, un amante das tradicións galegas, aínda que sen moita idea da literatura galaica, comprometeuse a traducir Memorias dun neno labrego ao seu idioma. E prometeullo ao seu autor, alí presente.

Esta fin de semana, Tadashi Yamamoto regresou ao lugar onde comezou todo, no lugar de Pardiñas, en Guitiriz, que acolleu a trixésimosétima edición do seu coñecido festival. Yamamoto formou parte da homenaxe que os organizadores de Pardiñas prepararon para recordar a Neira Vilas, asiduo festivaleiro.

Yamamoto confesa que a tradución é un proceso longo: «Eu non son tradutor, e entón cústame moito. Ademais o meu traballo non me permite dedicarlle todo o tempo que necesita». Porén, amósase esperanzado con acabala: «Fáltame moito, pero eu sigo traballando nel». Yamamoto lembrou no palco de Pardiñas anécdotas co escritor de Gres, falecido en novembro. Expresou tamén o seu amor pola cultura e tradición galegas, moi diferente a do seu país. «Cambia todo. A de aquí... Non se pode explicar cunha palabra o que se sente».

Memorias dun neno labrego ten edicións en moitas linguas: catalán, inglés, francés, alemán, checo, ruso ou esperanto. Agora só queda agardar para comprobar se Balbino engaiola aos xaponeses como o fixo con varias xeracións de galegos ao longo de décadas.