David Pintor e Carlos López danlle unha reviravolta humorística aos relatos clásicos para os pequenos

Pinto & Chinto presentan o día 3 «Cámbiache o conto!». «Queriamos sorprender aos nenos con contos que xa coñecen de toda a vida», explica David Pintor 


redacción / la voz

Levaban certo tempo dándolle voltas e máis voltas a unha idea motor: «Queriamos sorprender aos nenos con contos que xa coñecen de toda a vida», explica David Pintor (A Coruña, 1975). O debuxante integra xunto con Carlos López (Boimorto, 1967) o afinado dúo de humorismo gráfico Pinto & Chinto, un dos piares fundamentais do apartado de opinión de La Voz de Galicia. Precisamente, creando mundos novos para os máis pequenos ambos os dous compensan a dose de realidade crúa que degluten no xornal, onde a diario vense na obriga de reinterpretar a actualidade política -ultimamente un pouco aciaga- e social -non menos convulsa- para sacarlle ao lector un sorriso agradecido. Xa teñen tras de si unha traxectoria de moita substancia no complexo terreo da literatura infantil e xuvenil. Non hai moito, a finais do 2015, publicaron no selo Bululú A estrambótica Illa do Tesouro, e agora -seguindo unha filosofía similar- chega ás librarías o volume Cámbiache o conto!, que presentan ao público o próximo día 3 no marco da Feira do Libro de A Coruña.

Editado pola casa Xerais, na súa colección Pequeno Merlín, inclúe a versión de vinte e cinco contos e fábulas clásicos «que se contaron sempre e pasados polo filtro particular» de Carlos López, que fai «unha recreación libre e humorística dirixida a nenos de todas as idades», sen distincións. Para construír o seu relato, o narrador recorre a unha expresión esaxerada, desenfocada, a unha mirada histriónica sobre a peza orixinal, e despois o ilustrador busca esa escena que máis o inspira en cada un dos títulos recollidos para realizar a súa estampa a cores.

O que si quixeron foi respectar o espírito do texto orixinal, que o conto fose recoñecible por todos, pero pasando a historia por unha perspectiva aloucada, buscando un xiro surrealista, ata cambiándolle o final. O único condimento común na cociña das vinte e cinco recreacións, advirten López e Pintor, é o humor. Aquí a máis importante das ensinanzas é tomar a vida con humor. «Porque Carrapuchiña, en orixe, non é un conto humorístico, entraña unha lección, e incluso é unha narración terrible. En Cámbiache o conto! a mensaxe é unha moi sinxela: ‘¡Divírtete, ri!’», conclúe López.

O lector moverase nun territorio coñecido; con Carrapuchiña Vermella, atopará O traxe novo do emperador, Branca das Neves, O soldadiño de chumbo, A bela dormente, Polgariño, A princesa e o chícharo, Aladino e a lámpada marabillosa, O frautista de Hamelín, A galiña dos ovos de ouro, A cigarra e a formiga, Alí Babá e os corenta ladróns, Os sete cabritiños e o lobo, Os tres porquiños, O parruliño feo e O axóuxere do gato. En fin, contos con aquel arrecendo do lume do fogar, pero entre gargalladas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

David Pintor e Carlos López danlle unha reviravolta humorística aos relatos clásicos para os pequenos