La Voz ofrece unha escolma dos artigos de Casares no mes de agosto no xornal

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O volume recompila 155 columnas publicadas entre os anos 1997 e o 2001

31 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As distancias curtas son moitas veces un terreo complicado para autores que se moven con destreza nas abondosas páxinas da novela. A concisión, a expresividade, o xiro e a sorpresa final en apenas unhas liñas son habilidades nas que poucos escritores destacan. Carlos Casares era un deles. Non só dominaba os recursos necesarios para acadar a perfección nun artigo, senón que ademais o conseguiu cunha asombrosa regularidade. Despois de empezar a colaborar frecuentemente con La Voz de Galicia a partir da década dos anos setenta, a súa firma gozou dun territorio propio dende 1992 e ata o ano do seu pasamento, o 2002: durante eses dez anos non faltou á súa cita diaria cos innumerables lectores que seguían as columnas que publicou baixo o título xenérico de Á marxe.

La Voz de Galicia ofrece o vindeiro domingo o volume Os agostos de Casares, que recompila os artigos aparecidos nese mes entre os anos 1997 e o 2001. Poderá adquirirse por só 1,95 euros mais o cupón no lombo do xornal. Son 155 textos que condensan as calidades polas que as columnas do escritor tiñan tanto éxito, xa que era quen de abordar calquera tema cunha sinxeleza e claridade da que podía gozar todo tipo de lectores. Desde as lembranzas da súa infancia ata unha noticia actual, dende o aniversario de Marilyn Monroe ás conversas con Gonzalo Torrente Ballester, dende un bo xantar, co seu habano final, ás impresións dunha viaxe. Sen esquecer, claro, a presenza dun personaxe que ameazou con facerlle sombra ao mesmo autor, o gato Samuel, cuxas curiosidades cotiás espertaron entre o público unha notable simpatía, ata o punto de que cando enfermaba, circunstancia da que sabían por algún artigo de Casares, chegaban a preguntarlle ou escribirlle ao autor, interesándose polo seu estado e desexándolle unha pronta melloría. Precisamente o gato aparece na imaxe que ilustra a capa do libro. 

Afeccións favoritas

Os artigos que recolle Os agostos de Casares, precisamente por seren escritos no mes por excelencia das vacacións, ofrecen unhas temáticas que permitían ao escritor desenvolver algunhas das súas afeccións favoritas, e que, no seu caso, se converteran en parte fundamental da súa obra: o gusto pola observación e pola boa conversa. Ambas as dúas están representadas nesta recompilación. Co bo tempo Casares adoitaba sentar nunha terraza para refrescarse e ver a vida pasar. Do que desfilaba ante os seus ollos e das palabras que chegaban aos seus oídos sempre se procuraba unha materia prima que el moldeaba co seu característico estilo, ao que nunca era alleo o sentido do humor.

O verán, para Casares, tamén era o tempo no que parolar tranquilamente, conversas que ao cabo remataban nalgún artigo. Son lendarias a que mantiña con Gonzalo Torrente Ballester, veciño de veraneo, e as columnas nas que consegue que o lector se sitúe coma un asistente máis non faltan neste volume. Por exemplo, unha que logo daría pé a algunhas das frases máis asociadas a Torrente, a que aseguraba que prefería renunciar ao premio Nobel de literatura pola preocupación que traería aparellado, non fora ser que secuestrasen a algún dos seus netos para pedirlle un rescate. 

Xéneros diversos

A obra xornalística, que en moitos autores pode ser menor no conxunto da súa traxectoria, no caso de Casares figura entre o máis destacado dun autor que cultivou con éxito os xéneros narrativos, tanto o relato como a novela, os contos para primeiros lectores e rapaces ou o ensaio. Disto dan fe títulos tan senlleiros na súa carreira como Vento ferido, Os escuros soños de Clío -incluído na Biblioteca Galega 120 de La Voz -, Ilustrísima, Deus sentado nun sillón azul, A galiña azul ou Un país de palabras e Hemingway en Galicia; precisamente do escritor norteamericano traduciu ao galego O vello e o mar, igual que verteu tamén O principiño, de Antoine de Saint-Exupéry: era tan devoto deste libro que tiña unha colección de varias ducias de exemplares nas máis diversas linguas, que chegou a expoñer. Pero todas as súas claves, literarias e vitais, están contidas en Á marxe, por paradoxal que pareza ese nome.

O libro poderá adquirise por 1,95 euros o vindeiro domingo

Os moitos lectores que tiña a columna de Carlos Casares en La Voz teñen agora a oportunidade de reencontrarse co escritor a través dos 155 textos que recompila Os agostos de Casares. O volume poderá adquirirse o vindeiro domingo con La Voz polo prezo de 1,95 euros, mais o cupón que adxunta o xornal no lombo. A gran cantidade de seguidores que gozaban a diario coa súa sección Á marxe poden anticiparse deste xeito á celebración que sen dúbida será un dos acontecementos culturais do 2017, a designación de Casares como figura homenaxeada no Día das Letras. No seu nomeamento, a Real Academia Galega destacou «o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas», trazos que o escritor homenaxeado cultivou nas súas columnas.