Ramón Villares: «Hai que refinar a imaxe de Galicia»

CULTURA

Pinto & Chinto

O presidente do Consello da Cultura Galega considera que o galego ten unha conciencia da súa identidade bastante forte, pero que non chega á política

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Villares (Xermade, 1951) ten algo que engancha. Pode que llo dera a súa dilatada experiencia de profesor ou pode que elixira ser profesor ao ser consciente desa capacidade. Pero é verdade que o tempo pasa axiña coa súa conversa. Falamos na cafetería dun hotel da Coruña facendo tempo antes de que asistira a un acto oficial.

-Moito poder en Vilalba. A que se debe?

-Vilalba non era nada ata o século XX. Pero é certo que pode haber unha explicación colectiva: a emigración a Cuba. Tivemos moitas escolas feitas por emigrantes que melloraron a dotación educativa e social. Moitos de todos estes persoeiros, Fraga, Rouco... tiveron pais ou avós que estiveron en Cuba. Eu son o único que non os tiven.

-Vostede foi un neno de aldea. Como foi a súa infancia?

-Corresponde a unha certa mellora das condicións materiais. Xa non era unha aldea medieval, tiñamos luz eléctrica, xa había coches, camións... Eu teño recordos agradables. O modo de vida era máis interxeracional.

-Lembra os seus xoguetes?

-Os xoguetes eran os que facíamos nos. Xogábamos a un fútbol rudimentario cunha pelota que non era de trapo, pero case. Á billarda, as bolas... xogos sen custo.

-Mantén o vínculo coa aldea?

-Si, si. Mañá mesmo vou [a entrevista fíxose hai unha semana], que son as festas. Meus pais aínda viven.

-É deses que van e saquean a despensa?

-Iso era antes. Agora xa non hai produción.

-Lembra a primeira vez que foi ao cine?

-Si. Vin unha película de Maciste no cine Vilalbés.

-Por que se dedicou á historia?

-Supoño que para entender a sociedade na que vivía. Tiven bos profesores de historia no seminario. Déronme unha beca para estudar Económicas, pero tiña lagoas na miña formación matemática... A vida vaite levando.

-Cal é para vostede a figura histórica máis importante de Galicia?

-Diego Xelmírez. Foi o que marcou a estratexia do Reino de Galicia coa separación de Portugal. A Igrexa tivo en Galicia un papel esencial. Por organización. A relixiosidade é outra cousa que, en Galicia, é moi diferente á doutrina.

-A historia está moi condicionada polas figuras masculinas.

-En Galicia hai unha figura feminina esencial: a de Rosalía, que é a construtora da identidade literaria. A Galicia moderna, culturalmente nace con Rosalía. En calquera idioma a figura sobranceira na literatura é un home. En Galicia é unha muller.

-Como diría que é o galego de hoxe?

-O galego ten unha conciencia da súa identidade bastante forte, pero que non chega á política. Síntese galego, pero non politicamente galego. Hai un humus cultural que está por debaixo e que se va perdendo pola homoxeneización. Se houbera un galego tipo sería relativamente igualitario, non moi violento, con gran capacidade adaptativa e aberto ás novidades. O galego funciona con máis modernidade do que creen outros que se teñen por modernos. As elites fixeron traballos pouco dignos cos galegos ao que debuxaron como alguén sumiso, pobre, sucio. Todo iso hai que revisalo. É unha tarefa moi importante. Hai que refinar a imaxe de Galicia.

-Ten afeccións? Perde o tempo?

-Non teño tempo para perder. E a partir de certa idade, teño a impresión de que todo o tempo parece pouco. Houbérame gustado tocar algún instrumento musical, pero non estou dotado. Tampouco fago deporte. Camiño. Pero por imperativo legal.

-A súa canción favorita.

-Humm. Non sei... Ne me quitte pas, de Jacques Brel.

-A que lugar de Galicia levaría a unha señora para impresionala?

-A ver un solpor en Fisterra. Teno todo. É místico, envolvente, inquietante.

-Vostede é ou foi moitas cousas: profesor, pai, marido, presidente... Cal lle resultou máis difícil?

-O máis complicado é ser pai, porque ten moitas consecuencias. O que ten que ver coa vida pública e máis manexable. Ser pai non se estuda. Se aprende, pero non se estuda.

-De que se arrepinte?

-Pódeste preguntar por que non fixeches tal cousa, pero eu me respondo que non a fixen e asunto acabado. Hai que ser congruente.

-Que é o máis importante na vida?

-Ter criterio. Non ser un xunco que leva o vento e ter unha perspectiva algo relativa das cousas. Non se pode esixir o que un non está disposto a facer.