Un meridiano cero da literatura

Xesús Fraga
XESÚS FRAGA REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Pilar Canicoba

Coa súa amplísima obra, Fernández Paz contribuíu ao recoñecemento dos libros xuvenís, que lle gañaron premios, pero sobre todo milleiros de lectores de toda idade

13 jul 2016 . Actualizado a las 08:47 h.

«Na creación existe unha liberdade absoluta que fai que cando un autor está a escribir polo seu cuarto pasa o meridiano cero, dá igual onde se atope». Con estas palabras Agustín Fernández Paz situaba nunha entrevista con este xornal hai catro anos a cerna mesma da súa escrita: o escritor sitúase no centro do seu mapa literario, do que é o dono total, sen importar xeografías, linguas ou xéneros. Por iso Fernández Paz falaba de Vigo coma Auster fala de Brooklyn, sen complexos, sen ataduras, cos únicos límites da imaxinación. Deste xeito, dende Galicia, dende o seu meridiano de partida, ampliou o seu mapa literario, traspasando fronteiras: foi precisamente a través do recoñecemento da valía da literatura infantil e xuvenil como Fernández Paz acadou lectores de todas as idades. 

NARRATIVA

Un lector voraz. Fernández Paz naceu en Vilalba en 1947: el dicía que a súa xeración fora a derradeira en medrar sen televisor (chegara á vila cando el tiña 13 anos). «Son da promoción dos que escoitaron os contos ao pé da cociña de ferro ou da lareira no inverno, ou na porta da casa no verán», lembraba para subliñar a importancia da tradición oral na súa narrativa. Outra figura decisiva foi a do pai, dunha familia de carpinteiros e músicos que tiñan «o vicio de ler». Un virus do que quedou inoculado o pequeno Agustín grazas os libros que traía o pai a casa, e nos que destacaban os de Verne, os de Cunqueiro e os de Fole. Ese lector voraz consumiu moreas de libros e tamén de cómics, outra influencia decisiva, como a do cine. Xa adulto, a descuberta simultánea de Cien años de soledad e o aínda clandestino Sempre en Galiza, foron fundamentais. 

Fernández Paz despuntou na literatura para mozos, que moitos aínda consideraban obras menores: el contribuíu a mudar ese prexuízo. E precisamente empregou para iso xéneros que tamén estaban deostados: a fantasía, as narracións de terror, as aventuras ou a ciencia ficción. Todos eles trazan as liñas do seu mapa literario, pero o do terror -probada a súa devoción por Poe e, sobre todo, Lovecraft- era dos máis importantes, como demostran títulos como Aire negro, As fronteiras do medo ou un dos seus últimos libros, A neve interminable. A memoria colectiva tamén vertebraba a súa obra, ben fose a que remitía á Guerra Civil -Noite de voraces sombras- como a da súa xeración, retratada en A viaxe de Gagarin. Porén, dun xeito ou doutro, o autor sempre estaba nos seus libros. «A nosa vida sempre está por debaixo do que escribimos», confirmou. 

PEDAGOXÍA

Un renovador. Mais o Agustín Fernández Paz escritor convivía co pedagogo, faceta esta que mesmo precedeu o da escrita. Da Universidade Laboral de Xixón saíu convertido en perito industrial mecánico, pero foi en Barcelona onde empezou a estudar Maxisterio, o que concluiría na Coruña. Nestes anos de formación cultivou a escrita -en 1962 publicou en Xixón en La torre, o xornal da Laboral, o seu primeiro artigo, ¿Cómo ves el año 2000?-, que desempeñaría un papel decisivo nos seus propósitos de renovación pedagóxica. A mediados da década dos setenta inicia o exercicio da profesión, primeiro na Coruña e despois en Mugardos. Como lembraría despois, eran anos, acabada a ditadura, nos que aspiraban «a cambiar o mundo dende as aulas». Esa confluencia de literatura e ensino trae consigo os exemplos dos autores que publicaban para un público mozo, como Maria Gripe, Michael Ende ou John Christopher, sen esquecer grandes clásicos como Roald Dahl e, sobre todo, Gianni Rodari. «Foi fundamental na miña concepción da escola, no estímulo da creatividade e expresión libre dos alumnos, así como no da literatura infantil e xuvenil, que me axudou a superar prexuízos iniciais e ver que se podían escribir libros bonitos, progresistas, corrosivos para rapaces», declarou a este xornal. 

Integrado no colectivo Avantar e mais en Nova Escola Galega, a necesidade de contar con material pedagóxico en galego levouno a escribir textos didácticos cos que encher ese baleiro lingüístico. E, tirando do fío, chegou a literatura. «A min o que me gustaba era o ensaio. Creo que o de escribir ficción foi funcional. E casualidade», lembraba. Facendo da necesidade virtude, empezou a escribir literatura, como unha novela por entregas para os seus alumnos de Mugardos, con dous rapaces que vivían na vila como protagonistas. En 1990 gaña o premio Merlín con As flores radioactivas. Xusto no ano seguinte, o Lazarillo -a primeira vez que o acadaba unha obra en galego- por Contos por palabras. E así inicia unha carreira longa, escrita orixinariamente en galego pero traducida a distintos idiomas -entre eles o coreano- distinguida con todo o repertorio de premios posibles: White Ravens, Barco de Vapor, lista de honra do IBBY, Frei Martín Sarmiento, Premio da Crítica... ata chegar, no 2008, o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O único que queda é o amor. Máis importante aínda que os galardóns, foi o grande número de lectores cos que contaba, como evidencian as sucesivas reedicións dos seus títulos, co exemplo máis representativo de Cartas de inverno, que despois do verán chegará á súa edición número trinta e seis e os 100.000 exemplares vendidos. 

MAXISTERIO

Tralo seu ronsel. Ademais da importancia da súa obra literaria, Fernández Paz foi tamén un referente humano e cívico para moitas persoas. Tamén pedagóxico, un mestrado que exerceu a través de conferencias ou artigos, como os recollidos en O rastro que deixamos, onde reflexionaba tanto sobre a escrita sobre como o seu traballo nas aulas. A súa obra é o exemplo máis acaído do seu traballo a prol da defensa do galego, pero tamén o dixo en voz alta, en público, cada vez que o cría necesario, e no 2010 rexeitou o Premio de Cultura Galega que lle outorgou a Xunta, en disconformidade coa súa política lingüística. Nas entrevistas tamén diagnosticaba os problemas do galego a través da situación da súa literatura: «Un dos grandes problemas é que as canles de recepción do público galego están cegadas. Moita xente non nos le por preconceptos, porque non ten a práctica de ler en galego, polos problemas sociolingüísticos que ten a lingua. Outros, porque sinxelamente non saben de nós. É así de triste. Mentres non haxa unha normalidade na recepción literaria galega, teremos un problema que impide todo o demais». Para o escritor, un dos retos era consolidar os lectores novos que alimenta o sistema educativo na súa idade adulta, para o que se precisa un sistema social de promoción da lectura. 

Sobre todo, Fernández Paz era un exemplo para outros escritores. Algúns que lle escribían de cativos despois de ler os seus libros, co paso dos anos converteríanse en poetas con obra publicada, como o caso de Olalla Cociña. Dende o seu meridiano cero, Agustín Fernández Paz trazou un mapa que a moitos serviu de descuberta epifánica, de guía gozosa ou de orientación vital en tempos difíciles. Unha cartografía literaria que, coma os atlas da antigüidade, tiña alcance universal.