A RAG decide mañá a quén adica o Día das Letras Galegas

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Carlos Casares, Ricardo Carballo Calero, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales
Carlos Casares, Ricardo Carballo Calero, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales

O pleno reunirase para decidir entre Carlos Casares, Ricardo Carballo Calero, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales

09 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Catro escritores teñen opcións para converterse hoxe na figura literaria a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas do 2017. Trátase de Carlos Casares, Ricardo Carballo Calero, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales. As súas candidaturas serán sometidas esta mañá ao debate do pleno da Real Academia Galega, a institución facultada para elixir o persoeiro protagonista do 17 de maio, e que escollen na súa primeira reunión tras a celebración do Día das Letras do ano en curso. O regulamento da entidade especifica que deberon pasar un mínimo de dez anos entre o falecemento dos aspirantes e a súa designación, e ser un autor «dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe».

Carlos Casares (1941-2002) cultivou unha ampla obra narrativa na que destacan títulos como Vento ferido, Ilustrísima ou Deus sentado nun sillón azul, ademais do seu inxente labor xornalístico, no que destaca a súa colaboración con La Voz, que arranca xa nos anos setenta e que entre 1992 e 2002 tivo periodicidade diaria na súa columna Á marxe, que tiña incontables lectores.

Ricardo Carballo Calero (1910-1990) cultivou a poesía e a narrativa, e foi no eido do ensaio e da crítica literaria onde máis destacou. Os seus manuais e antoloxías foron e son fonte de coñecemento, e tamén está considerado o ideólogo da corrente reintegracionista.

Plácido Castro (1902-1967) foi unha figura destacada no galeguismo anterior á guerra. É un referente pioneiro no eido da tradución -verteu a Yeats, entre outros, o galego-, como lembra un premio co seu nome.

Antonio Fernández Morales (1817-1896), nado en Astorga, publicou o segundo libro escrito en galego no Rexurdimento, Ensayos poéticos en dialecto berciano.