O Premio de Novela por Entregas de La Voz xa ten finalistas

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Tres obras aspiran ao galardón, que contempla a publicación da historia no xornal ao longo de agosto

04 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres orixinais optan a gañar o vindeiro xoves día 7 o Premio de Novela por Entregas de La Voz, despois de que o xurado as seleccionase como finalistas de entre todos os manuscritos recibidos. Trátase das seguintes obras: Ulisíada; O segredo da runa, enviada co pseudónimo Marta Mataodemo; e Noire Compostela, de Amanda Lear. De entre as tres elixirase a novela gañadora cuxo autor ou autora se dará a coñecer no transcurso dunha cea literaria que se celebrará no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.

Ulisíada inspírase no célebre personaxe da literatura clásica grega para propoñer unha historia que transcorre nunha vila da costa galega, onde unha muller vive co seu fillo, agardando a que regrese o pai do cativo, que se atopa na emigración e do que non chegan noticias.

O segredo da runa relata unha intriga ambientada nunha das primeiras edicións do Festival de Ortigueira. O punto de arranque é a incorporación dunha nova sarxento da Garda Civil á vila, que se atopa expectante ante a chegada dun grupo de afeccionados con mala sona.

Noire Compostela céntrase nas vicisitudes dun grupo de estudantes en Santiago, que verán como a morte axexa o seu círculo máis íntimo. Un piso no que se rumorea que aconteceron sucesos estraños e un policía completan este escenario no que se desenvolve a intriga.

O Premio de Novela por Entregas, organizado por La Voz co patrocinio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, está dotado con 9.000 euros e contempla a publicación da obra gañadora durante o mes de agosto, a razón dun capítulo diario.